O Concello de Dodro fai entrega a Inma López Silva do XXXIV premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón 2021

O Concello de Dodro fixo entrega do XXXIV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón 2021 a Inma López Silva, escritora, crítica teatral, doutora en Filoloxía e actual docente na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Resultou gañadora coa súa obra ‘Clepsidras’.

A escritora agradeceu “o esforzo dun concello como Dodro por manter vivo este certame e estimular a creación literaria, a pesares da pandemia do coronavirus”.

O alcalde de Dodro, Xabier Castro Tourís, puxo en valor “a calidade das obras e o traballo do xurado”, garantindo que o concello seguirá co seu apoio á cultura.

O xurado, logo de valorar os 31 poemarios participantes, salientou de ‘Clepsidras’ “a potencia das imaxes que van artellando un discurso arredor da xenealoxía feminina, ao patente reflexo das violencias cotiás, así como a exploración que fai da lingua e das formas do dicir. Ademais, a nivel formal consegue unha cadencia rítmica altamente suxestiva que coloca o texto nunha predisposición performativa”.

A gañadora deste certame é autora de obras destacadas como ‘Concubinas’, ‘Memoria de cidades sen luz’, ‘Aqueles días en que eramos malas’ e ‘O libro da filla’. O Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón está dotado con 2.500 euros e supón ademais a publicación do poemario.

O concello presentou tamén a edición do libro gañador de 2020, ‘Urda’ de Quico Valeiras.

Salir de la versión móvil