ENTREVISTA a Manuel Ángel Leis Míguez, alcalde de Negreira: “Teremos un novo PXOM e o concello medrará con novas zonas residenciais e de estacionamento”

alcalde

Fai un balance positivo da primeira parte do mandato municipal, lóxicamente marcado pola pandemia, “pero son incorformista con todo o que facemos”. En opinión de Manuel Ángel Leis Míguez, alcalde de Negreira, “o modelo de financiamento dos municipios debe cambiar, porque asumimos moitas competencias impropias”.

Pregunta: Que balance realiza dos primeiros dous anos de mandato municipal?

Resposta: O balance persoalmente é positivo pero son un inconformista con todo o que facemos, e intento apretar aos compañeiros para realizar propostas, valoralas e ir poñendo en marcha cada unha delas. Tamén é verdade que o ano da pandemia paralizounos moito a nosa labor en canto poder cumprir a maior porcentaxe do noso programa electoral, ese compromiso cos nosos veciños adquirido no 2019. Neste periodo houbo que aparcar ese compromiso e centrarse na pandemia, onde nada estaba escrito nin nada se sabía sobre como actuar en moitas decisións que sí había que tomar con pouca marxe de maniobra. Iso sí, priorizando a atención e a saúde dos nosos veciños que en moitos casos atopabanse indefensos e con falta de información sobre como proceder en circunstancias que lle xurdían diariamente.

P: Como viviu a pandemia o Concello de Negreira?

R: Como calquera outro concello ou administración imaxino, porque a situación non foi doada e sobre todo onde todo o que fixemos era pensando na saúde e benestar dos veciños e intentando evitar a propagación dos contaxios. Horas e horas de traballo os sete días, buscando medios e adoptando medidas, pasando moitas horas no despacho pegado a un ordenador para realizar reunións telemáticas coas distintas administracións, compañeiros doutras alcaldías e compañeiros do equipo de goberno.

P: En que medida condicionou a pandemia a confección dos últimos orzamentos? Aumentou o gasto social?

R: Algo sempre condiciona, porque xa eramos moi coñecedores da situación que estábamos atravesando cun monton de casos novos tratados dende servizos sociais, polo que xa nos influiu para reforzar as partidas e planificar posibles gastos que entendíamos que debíamos asumir para dar servizos os nosos veciños máis necesitados ou en risco de exclusión social. O mesmo tempo, puxemos en marcha servizos que asumimos por mor da pandemia como un transporte gratuíto para as persoas maiores ou necesitadas para que poideran desplazarse a vacunarse á Cidade da Cultura ou o CHUS. Houbo que reforzar o servizo de axuda no fogar e atender moitas novas peticións de alimentos e gastos puntuais para axudas dos libros escolares, así como axudas de emerxencia.

P: Que obras principais se puxeron en marcha ou están en proxecto en Negreira?

R: Obras realizaronse moitas, tanto no casco urbán como nas parroquias, maioritariamente financiadas pola Deputación da Coruña, e outras pequenas subvencións puntuais da Xunta de Galicia. Por destacar, no casco as melloras do firme das tres entradas o pobo como son a Avda. Brañas, Avda. Santiago e Avda. Barcala, así como a canalización de pluviais e mellora do firme da rúa Teresa Fabeiro Caamaño, onde moitos veciños viñan acarreando graves problemas de inundacións nos seus garaxes e baixos. Pola contra, nas aldeas investíronse os plans de obras con asfaltados e formigonados en moitas aldeas, así como continuando con proxectos de saneamentos en núcleos como o de Gándara e Zas, tan necesarios na maior parte do noso concello.

Tamén unha gran demanda dos últimos anos era o segundo treito da estrada DP-5602 de Negreira a Ponte Nafonso, onde foi adxudicada por parte da Deputación no mes de xullo e este mesmo mes están comezando cos traballos de desbroce e replanteo. Unha obra que sufre un retraso polos procesos de expropiación e estamos xa traballando para realizar o proxecto da ponte de Barbazán.

P: Que retos principais ten o seu goberno a curto e medio prazo?

R: Os principais retos nos que estamos a traballar agora son a preparación de toda a documentación para poder sacar adiante unha solicitude dunha subvención do IDAE duns 2.164.000 euros para cambiar toda a iluminación do concello a LED e así conseguir un aforro económico importante, pero tamén pensando nunha redución de emisións de CO2 a atmósfera, algo no que á par estamos traballando coa elaboración do Paces, que é un compromiso adquirido entre moitas administracións para minimizar o impacto do cambio climático.

Tamén outro reto importante pola importancia que ten para os nosos veciños e que era un compromiso adquirido na campaña electoral, era o de xestionar a modificación do PXOM, reto que está posto en marcha, cun convenio asinado coa Consellería de Medio Ambiente e que pronto saíra a licitación unha vez preparado o pliego de prescricións técnicas e administrativas.

Por outro lado, seguimos traballando en ultimar os detalles de regularizar certa documentación para desenvolver algunha unidade de execución do casco urbán, xenerando novas zoas de construción e estacionamento, así como a apertura de novas rúas para que o pobo siga medrando. Tamén continuamos realizando xestións cos bancos e Sareb, así como con inmobiliarias, para solucionar problemas en estruturas e edificios inacabados e que están causando prexuízos a veciños, así como polo feísmos que están causando.

P: Como son as relacións do Concello de Negreira coa Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia?

R: Son correctas e cordiais como calquera situación diaria nas nosas vidas, con maior entendemento con uns conselleiros e deputados que con outros segundo a forma de ser cada persoa e a forma de traballar, pero sempre tentando solucionar os problemas dos veciños da forma máis áxil. Eu sempre lles digo que cando vou a unha reunión ou vou pedir é para o meu pobo, é para os meus veciños… e que entre todos debemos colaborar para chegar a un consenso e solucionar as necesidades que temos.

P: E como son as relacións cos concellos limítrofes?

R: Cos concellos limítrofes moi ben, independentemente da cor política. Incluso entre algúns que temos certos servizos mancomunados, traballamos e colaboramos para dotarnos de máis equipamento e conseguir máis e mellores servizos para os nosos veciños, como poden ser obradoiros de emprego ou mesmo a unidade de atención temperá, que puxemos en marcha este ano con Val Do Dubra.

P: Os concellos quéixanse desde hai tempo das competencias impropias que deben asumir, é necesario un cambio no modelo de financiamento dos municipios?

R: Si, particularmente penso que o modelo de financiamento debe cambiar sobre todo porque cando elaboramos os orzamentos e comezas a facer cálculos de todolos gastos que asumimos en moitos servizos que son competencia da Xunta de Galicia sobre todo. O final os investimentos directos que podemos asumir son mínimos por parte municipal debido á gran cantidade de gastos correntes e de funcionamento dos servizos do concello. Por exemplo, agora estamos traballando para poder transferir o centro de saúde ao Sergas e así evitar uns gastos de mantemento brutais.

P: Que aportará o novo PXOM a Negreira?

R: O novo PXOM debe aportar por un lado seguridade legal xurídica e técnica para o departamento de Urbanismo e, o máis importante, solucionar moitos dos problemas como hai coas aliñacións, delimitacións de zonas urbanizables nos núcleos, modificacións de clasificacións do chan que agora causan tantos problemas os veciños, sobre todo nas zonas que sufriron as concentracións parcelarias, e as normas da lei de incendios coa marcación das franxas secundarias.

P: Nas últimas semanas, o concello pediu de novo a pista de atletismo para Negreira, que outras infraestruturas necesita o concello?

R: O Concello de Negreira é un concello punteiro en infraestruturas deportivas e a envexa doutros concellos limítrofes, de onde tamén veñen moitos usuarios. Cabe destacar que todas estas infraestruturas foron realizadas polo propio concello con fondos da Deputación e do Estado e donde a Xunta de Galicia non investiu nin un só euro. Agora estamos demandando un módulo de atletismo e tamén somos coñecedores da necesidade que teñen outras instalacións e onde temos que ir traballando para ir reformandoas. Tentaremos ir introducindo pouco a pouco financiamento para melloralas como pode ser as pistas de tenis, ou o cambio do céspede artificial de Cepelo, onde diariamente a actividade deportiva entre adestramentos e competición é moi elevada.

P: Nos últimos meses se están producindo moitos peches de oficinas bancarias en concellos pequenos, ten Negreira ese problema?

R: En Negreira de momento non, pero temos que estar atentos por que esto vai ser unha práctica continua pola política que están levando a cabo as sucursais bancarias, para ir eliminando persoal, sobre todo daqueles sitios máis pequenos onde teñen oficinas.

P: Que investimentos realizáronse nas parroquias?

R: Nas parroquias, polas características do noso concello, realizanse dous tipos de investimento fundamentalmente; unha son os plans de obras que se van executando segundo a necesidade e priorizando os investimentos segundo os orzamentos que concede neste caso a Deputación da Coruña. E logo, en segundo lugar, investimentos realizados polo concello sobre todo con obras pequenas de mantemento e melloras que se realizan coa brigada municipal.

Puntualmente tamén podemos solicitar algunha subvención nominativa á Xunta de Galicia, como por exemplo unha que acabamos de executar na escola unitaria de Aro, onde lle cambiamos a cuberta da escola e se construíu un parque cuberto para que os nenos poidan xogar no inverno, outro dos nosos compromiso de campaña.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.