O Nadal chega a Negreira con actividades para todas as idades

O Nadal chega a Negreira cun amplo calendario de actividades programadas para todos os públicos. As rúas xa están iluminadas e as iniciativas postas en marcha marcan o inicio do ambiente festivo.

Tras os peores momentos da pandemia, o municipio volveu a celebrar a Carreira do Turrón e son moitas as actividades culturais que puideron retomarse este ano. O xoves 16 terá lugar o acto literario do Fallo do xurado do décimo Certame de poesía “Xosé M. López Ardeiro”, ás 20:00 horas no Auditorio e contará coa actuación de Prabhu & Lorenzo.

O venres 17 a música será a protagonista da xornada coa Audición de Nadal, a cargo do alumnado da Escola Municipal de Música, a partir das 18:00 horas no Auditorio.

O sábado 18 e mailo domingo 19 de decembro, a carpa da praza do Concello acollerá o Mercado de Nadal organizado pola Asociación de Empresarios de Negreira, en horario de 11:00 a 20:00 horas. Unha iniciativa que pretende impulsar o comercio local e o consumo de proximidade.

Para despedir o ano 2021 nas escolas infantís, o martes 21 prográmase o espectáculo “O castiñeiro do Apalpador”, en dobre función: na Escola de Aro, ás 11:00 horas, e no Centro Sociocultural, a partir das 17:30 horas, coa compañía Fantoches Baj. Ese mesmo día, ás 18:30 horas, terá lugar o Festival de Nadal da Escola Municipal de Teatro, no Auditorio.

O domingo 26 será o Gran Festival de Nadal, a partir das seis da tarde no Auditorio, con entrada de balde. Estes días tamén haberá unha dobre cita co teatro. O luns 27 coa compañía Traspediante, ás 18 da tarde no Auditorio, e o xoves 30 co “O crebanoces”, de Os Bolechas, no mesmo horario e lugar.

Ademais, co motivo das vacacións de Nadal, o Concello volveu a programar os obradoiros de Divernadal para a conciliación laboral e familiar das familias. Terán lugar os días 27, 28, 29 e 30 de decembro, e mailo 3 e 4 de xaneiro.

Xa para comezar o novo ano, o domingo 2 e o luns 3 organízase a Festa do Neno no pavillón do colexio O Coto, en horarios de 11 a 13, e de 17 a 20 horas.

O mércores 5, será o último día de festas coa celebración da Cabalgata dos Reis Magos. Gaspar, Melchor e Baltasar partirán do Campo da Feira as 17:00 horas e serán recibidos desde o balcón da Casa do Concello ás 18.00 horas.

 

Salir de la versión móvil