Así é “Ai-lalelo”, a canción galega que participará na Eurovisión da intelixencia artificial

Xa se pode votar por esta canción, creada con intelixencia artificial a partir de música tradicional e máis de 450 coplas para que o algoritmo "aprendese a escribir en galego"

Presentación de AI-LALELO no Museo do Pobo Galego | CEDIDA

Galicia estará representada no AI Song Contest, a Eurovisión da intelixencia artificial, coa cantiga “AI-LALELO”, unha creación que reúne tradición e innovación nunha peza creada a partir de distintas melodías de música tradicional, escrita por un algoritmo que “aprendeu a falar galego” grazas a máis de 450 coplas e cun videoclip que mestura distintas imaxes de mulleres labrando e tecendo con paisaxes.

“Conseguimos transformar a tradición en innovación a través da intelixencia artificial e agora imos levar a cultura galega ó festival e reinvidicarnos ante o mundo”, explicou durante a presentación da canción o coordinador do proxecto e responsable creativo de CECUBO Group, Joel Cava.

Así, “AI-LALELO” estará presente na final do AI Song Contest, que se celebra o vindeiro 6 de xullo na cidade belga de Liège. A votación para decidir o gañador xa está aberta a través da web http://votaailalelo.com/. O gañador decidirase pola suma do voto do público e do xurado, representando ambos un 50%. A súa presentación oficial en directo será o vindeiro 1 de xullo no programa da TVG Luar.

O equipo, que participa baixo o nome de PAMP! —as siglas de Proxecto Ana María Prieto, un homenaxe á primeira programadora galega— busca reivindicar o talento tecnolóxico e cultural galego e homenaxear ás mulleres que impulsaron Galicia, a súa tradición e a súa lingua.

O proceso creativo

A idea xorde no mes de febreiro, cando as Tanxugueiras “non acadaron a merecida praza na final de Eurovisión en Turín”, ante o que nace un impulso de “reinvidicarnos no mundo e plantar cara ós desprezos que sufriu e aínda sofren a lingua e cultura galegas”. Así, da man de CECUBO Group, unha axencia que xa empregaba a intelixencia artificial no eido da comunicación, decídese dar o salto tamén á música “buscando ós mellores profesionais galegos”.

O 23 de marzo comeza o proxecto, con profesionais de diferentes especialidades. Un deles é Juan Alonso, tecnólogo en machine learning e redes neuronais, quen participou por streaming na presentación no Museo do Pobo Galego, onde explicou que, como querían que unha intelixencia artificial creara a letra, había que crear un modelo propio en galego.

“Extraemos as letras de 450 coplas para adestrar á intelixencia artificial e conseguimos crear un modelo capaz de xerar estructuras de catro versos con diferentes rimas e nun galego relativamente correcto; despois foi cuestión de ir seleccionando os versos que máis casaban coa temática, a dunha costureira nas catro estacións do ano”, detallou.

O produtor de bandas sonoras e músico no Projeto Trépia Xandre Outeiro participou na parte musical, onde aportou melodías tradicionais recollidas en MIDI para que a intelixencia artificial as puidese entender. Porén, a música galega é “tan inabarcable” que houbo que acotar, centrándose unicamente no “Vals da costureira”, que conta cunha gran cantidade de interpretacións sobre as que traballar.

“O algoritmo xerou unha primeira liña melódica e pasou algo moi curioso: conforme se retroalimentaba, a creación encaixaba cada vez máis cos patróns da música tradicional”, apuntou Outeiro, que aporta a súa voz á canción xunto con Camille Hédouin (Mounqup), Mónica de Nut e Eva Outeiro.

O doutor en Telecomunicacións e músico, arranxista e compositor David Santos relatou como foi o proceso posterior, no que, a través da “transferencia tímbrica”, traduciron a voz humana e os instrumentos musicais a linguaxe lexible para o ordenador.

O videoclip foi a última parte: Marta Verde, a artista dixital responsable dos visuais de Tanxugueiras no Benidorm Fest e profesora asociada no Berklee College of Music de València, utilizou un filtro para recompoñer distintos vídeos de mulleres labrando ou tecendo e de paisaxes, mesturando as imaxes con pinturas que evocaban cada unha das estacións que percorre a canción.

O proceso foi laborioso: cada fotograma do vídeo require un minuto e medio de computación, polo que un só segundo necesitaba media hora. O vídeo definitivo dura preto de catro minutos.

O futuro

“AI-LALELO”, na que tamén participou Sofía Oriana, doutora en Composición en IA e compositora de Elisa y Marcela (2019) de Isabel Coixet, conseguiu ser unha das 100 propostas de todo o mundo preseleccionada para participar na semifinal do AI Song Contest e, posteriormente, o xurado situouna entre as 15 finalistas.

O equipo está agora centrado nesta edición, preparando a posta en escea que despregarán tanto no Luar como na propia final, onde se enfrentarán a proxectos que procedentes de grandes potencias como Estados Unidos, China ou Corea do Sul.

“Este proxecto amosa que, se dispoñemos dunha ferramenta de intelixencia artificial adestrada adecuadamente, pode ser un seguro cultural para garantir a supervivencia e a transmisión oral da música galega neste mundo tan complexo que avanza cara á homoneixización, co inglés como lingua franca”, conclúe o coordinador do proxecto.

Salir de la versión móvil