As Festas do Apóstolo 2026 estrearán este ano un dos seus proxectos máis ambiciosos coa incorporación dun espectáculo de videomapping sobre a fachada do Pazo de Raxoi, unha proposta inmersiva que se converterá na principal novidade dunha programación que se desenvolverá entre o 22 e o 31 de xullo.
A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, presentou este mércores un avance das celebracións, que volverán combinar concertos, tradición, folclore, actividades familiares, cabezudos, orquestras e os tradicionais fogos artificiais. O broche final correrá a cargo da banda galega The Rapants, que actuará o 31 de xullo na Praza da Quintana.
O videomapping, a gran novidade desta edición
O Concello destinará arredor de 100.000 euros, financiados coa recadación da taxa turística implantada o pasado outubro, á creación dun espectáculo audiovisual que transformará a fachada do Pazo de Raxoi nun escenario dinámico a través das novas tecnoloxías.
A montaxe poderá verse na Praza do Obradoiro os días 24, 25 e 26 de xullo. Na madrugada do día 24 ofreceranse pases cada quince minutos entre as 00.00 e as 02.00 horas, mentres que os días 25 e 26 as proxeccións realizaranse entre as 23.00 e a 01.00 horas.

A proposta, cunha duración de nove minutos, combinará música e imaxe para crear unha narración visual na que a arquitectura do edificio parecerá transformarse continuamente. Muros que se constrúen e desaparecen, xogos de luces, mecanismos ocultos, elementos naturais e referencias á tradición galega conformarán un espectáculo que culminará cunha simulación de fogos artificiais virtuais sobre a fachada.
O deseño artístico corre a cargo da empresa Quatro Gatos, mentres que a proxección será realizada por Art Music.
Fogos artificiais desde tres puntos da cidade
As celebracións manterán outro dos seus sinais de identidade: os Fogos do Apóstolo. O espectáculo principal celebrarase o 24 de xullo ás 23.30 horas, con lanzamentos sincronizados desde a Alameda, a escalinata das Fontiñas, no parque Carlomagno, e a Cidade da Cultura, o que permitirá contemplalos desde diferentes zonas de Santiago.
Pola súa banda, os fogos da xornada de clausura, o 31 de xullo, volverán dispararse desde a Alameda.
Música, tradición e actividades para todos os públicos
A programación musical contará tamén con nomes destacados como a cantante mexicana Lila Downs e a artista galega Belém Tajes, que compartirán escenario na Praza da Quintana durante a noite do 24 de xullo. Pilar Lueiro avanzou que, aínda que a contratación dos demais artistas «xa está pechada», anunciarase nos vindeiros días.
As festas conservarán ademais as súas citas máis tradicionais, entre elas os cabezudos, as orquestras na Alameda, a Festa Pícara o 23 de xullo, as Xornadas do Folclore o día 25 e o Día do Traxe Galego o 26. As atraccións feirais abrirán as súas portas na Alameda desde o 18 de xullo, varios días antes do inicio oficial das celebracións.
A concelleira Pilar Lueiro indicou tamén que nos próximos días o Concello dará a coñecer tanto a persoa encargada de pronunciar o pregón como a programación completa dunhas festas que volverán converter Santiago nun dos principais referentes culturais e festivos do verán en Galicia.

