Pela del Álamo: «Santiago necesita espazos críticos e innovadores como Curtocircuíto»

O director do festival avanza as claves da súa súa 23ª edición, que se celebra entre o 30 de xuño e o 5 de xullo, mantendo o formato estival do ano anterior e reforzando a súa presencia en rúas e prazas cunha programación que mestura cinema, música, Live AV e reflexión
Pela del Álamo, director do festival Curtocircuíto | AIGI BOGA
Pela del Álamo, director do festival Curtocircuíto | AIGI BOGA

O director de Curtocircuíto, Pela del Álamo, reivindicou o papel do festival como un dos grandes motores culturais de Compostela e defendeu a necesidade de manter na cidade «espazos críticos, innovadores e de comunidade» fronte ao risco de converter Santiago nun mero escenario turístico.

O festival, que celebrará a súa 23ª edición entre o 30 de xuño e o 5 de xullo, recupera por segundo ano consecutivo o seu formato estival, reforzando a súa presenza nas rúas e prazas da cidade cunha programación multidisciplinar que combinará cinema, música, performance e pensamento contemporáneo.

«Non podemos converter Santiago nun parque temático»

Para Del Álamo, festivais como Curtocircuíto ou o WOS Festival funcionan como un contrapeso necesario ás dinámicas actuais do turismo e contribúen a preservar a identidade cultural compostelá. «Santiago sempre foi un cruce de camiños e un lugar de peregrinación, pero non podemos banalizar a cidade. Se a convertemos simplemente nun espazo de consumo, terminará esmorecendo», advertiu.

Pela del Álamo, director do festival Curtocircuíto | AIGI BOGA

Neste sentido, o director considera que a cidade precisa iniciativas capaces de xerar reflexión e participación cidadá. «Santiago necesita espazos críticos e innovadores como Curtocircuíto», afirmou, defendendo un modelo cultural «máis horizontal», aberto á veciñanza e que favoreza a creación de comunidade.

O festival consolida a súa volta ao verán

Tralo cambio de modelo iniciado o pasado ano, Curtocircuíto aposta novamente por unha edición plenamente estival e con forte presenza no espazo público.

Segundo explicou Del Álamo, o obxectivo é que o festival sexa tamén un plan de lecer capaz de combinar os atractivos propios de Compostela coa creación audiovisual contemporánea. «Queremos que sexa un festival na rúa, nas prazas, vencellado ao tempo de lecer, no que se poida alternar a gastronomía e a vida da cidade con contidos experimentais, de vangarda e innovadores», sinalou.

A edición de 2025 xa puxo de manifesto o éxito desta fórmula, reunindo arredor de 3.000 persoas na Praza da Quintana e contando con propostas destacadas como a rave en directo da man de Oliver Laxe e Kangding Ray, creador da música orixinal de ‘Sirât’.

O Auditorio de Galicia gaña protagonismo

Entre as principais novidades desta edición destaca a aposta polo Auditorio de Galicia, que acollerá unha intensa xornada de programación continua entre as 12.00 e a 01.00 horas, repartida entre a Sala Mozart, a Sala Ángel Brage e os espazos exteriores.

Del Álamo explicou que o festival pretende consolidar este recinto como unha das súas sedes estratéxicas debido ás súas posibilidades técnicas e loxísticas. «O Auditorio permite acoller no futuro producións de gran nivel, con dimensións e capacidades que outros espazos non teñen», apuntou.

Pela del Álamo, director do festival Curtocircuíto | AIGI BOGA

A programación manterá tamén a súa presenza noutros lugares emblemáticos da cidade como a Praza da Quintana, Praterías, Bonaval, o Toural, Cervantes, Santa Susana ou o Xardín das Delicias, recuperando incluso espazos históricos vinculados ás primeiras edicións do festival como a Fundación Eugenio Granell.

O regreso de Ryoichi Kurokawa, unha das grandes apostas

O director destacou especialmente o retorno do artista xaponés Ryoichi Kurokawa como unha das citas imprescindibles desta edición. A súa proposta inmersiva nD converterase nun dos grandes reclamos dun programa que volverá combinar cinema, concertos audiovisuais, performances e encontros con creadores.

Precisamente, Del Álamo subliñou que esa mestura de disciplinas constitúe unha das principais señas de identidade de Curtocircuíto. «Sempre entendemos as artes audiovisuais dun xeito amplo. A música e as propostas en directo son fundamentais porque é aí onde moitas veces se produce a innovación e os novos pasos creativos», afirmou.

Seis días para ver cinema, reflexionar e vivir a cidade

Curtocircuíto desenvolverase entre o 30 de xuño e o 5 de xullo en diferentes espazos de Santiago cunha programación que inclúe competición internacional, retrospectivas, encontros con cineastas, concertos audiovisuais e actividades gratuítas ao aire libre.

Para Del Álamo, a esencia do festival reside precisamente nesa capacidade para combinar cultura, reflexión e experiencia urbana. «Convido a vir a Santiago a pasar uns días nos que poidas estar cos colegas, ver contidos que che fagan reflexionar, emocionarte, pasear pola cidade e volver para a casa con novas ideas», concluíu.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.