«Superheroínas», a serie na que sete mulleres recoñecidas fomentan o uso diario do galego

A RAG e a USC presentaron esta serie de sete pequenas pezas nas que figuras como Lucía Freitas ou Esther Estévez reflexionan sobre a lingua
A presentación de "Superheroínas" na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC | RAG
A presentación de "Superheroínas" na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC | RAG

A Real Academia Galega (RAG) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) presentaron este mércores ‘Superheroínas’, unha serie que dá voz a sete mulleres recoñecidas en Galicia pola súa labor profesional e na que se busca fomentar o uso diario da lingua galega.

Trátase da segunda iniciativa que ambas as institucións lanzan no marco do proxecto ‘Novas voces para a lingua’. Nesta ocasión, as protagonistas son a chef Lucía Freitas, o poeta Alba Cid, a cantante Andrea Pousa, a creadora de videoxogos Laksmy Irigoyen, a xornalista creadora do espazo ‘Dígocho Eu’ Esther Estévez, a fotógrafa Antía Castro e a instagramer Paula Jorge Horta.

‘Superheroínas’, que conta con financiamento da Xunta, foi presentada este mércores na Facultade de Ciencias da Comunicación da capital galega nun acto ao que asistiu o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a decana do centro, Ana Isabel Rodríguez. A serie consta de breves pezas dirixidas por José Manuel Diego Ferreira no marco do seu traballo de fin de grao (TFG), cando era estudante de cuarto de Xornalismo.

O primeiro episodio, con Lucía Freitas como protagonista, está xa dispoñible nas páxinas web da RAG e da USC, así como nas súas redes sociais. En próximas semanas estrearanse os seguintes capítulos deste traballo que pretende «desacralizar e levar a contraria», explica o seu director, a aqueles medios de comunicación que «non dan oco» aos mozos.

«Ademais, é un proxecto que lle leva a contraria a ese discurso de lingua como peza de museo, e é un proxecto que busca apoderar á muller, que busca mostrar a unha muller que usa o idioma no seu día a día», subliña José Manuel Diego Ferreira no vídeo de presentación de ‘Superheroínas’.

Pola súa banda, o presidente da RAG celebrou os froitos que ofrece ‘Novas voces para a lingua’, xa que naceu «coa intención de darlles voz aos novos creadores e creadoras que, no ámbito da comunicación e do audiovisual, queren mostrar o seu compromiso» co idioma.

Relacionadas

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.