Dous millóns de euros para mellorar a pista da Reira, en Camariñas

A intervención, cun investimento de 1.496.742 euros, afectará ó tramo entre o Cabo Vilán e o Cemiterio dos Ingleses

A pista da Reira, en Camariñas | CONCELLO DE CAMARIÑAS

O agardado proxecto para a mellora da seguridade viaria na pista de Reira xa é unha realidade, despois de que a Demarcación de Costas en Galicia aprobase un investimento de 1.946.742,38 euros para mellorar a vía e poñer en valor esta zona.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, agradeceu á Demarcación de Costas a súa “total predisposición” para acometer unha actuación “moi necesaria xa que, cada ano, o Concello estaba facendo pequenos parches para solucionar as grandes fochancas que se producían nos meses de outono e inverno e que impedían o paso”. “De feito, nos últimos días tívose que amañar a parte da pista que vai da Pedrosa á Balea, agardamos que con este proxecto iso non volva a acontecer”, afirma.

A rexedora tamén desexou que, “con esta actuación, e dunha vez por todas, rematen os problemas que provocan as choivas torrenciais nesta pista”.

A actuación, que comprende o tramo que vai desde o Cabo Vilán ata o Cemiterio dos Ingleses, ten os seguintes obxectivos: preservar e conservar o ecosistema natural, habilitar un paso peonil seguro, solucionar as alteracións no firme, garantir a protección sobre a costa e poñer en valor este espazo.

Os traballos contemplados pola Demarcación de Costas en Galicia son o acondicionamento do sendeiro existente, creando unha senda peonil de 1,60 metros de ancho estabilizada entre beirarrúa de madeira e cunha berma verde como zona intermedia entre a senda e os acantilados. Ademais, mellorarase a zona de tránsito de vehículos de emerxencia e de servizo. Por último, instalaranse paneis informativos sobre os valores ambientais deste espazo e melloraranse as varandas de madeira.

O Concello vén de aprobar en Xunta de Goberno Local a dispoñibilidade dos terreos e que, unha vez rematadas as obras, se fará cargo do mantemento da vía.

Salir de la versión móvil