A campaña “Toponimízate” chega a Fisterra

O proxecto busca que os veciños participen na recuperación e difusión da microtoponimia tradicional do concello

Imagen de archivo del faro del Cabo Touriñán | TURISMO DE GALICIA

A campaña “Toponimizate. Falámosche dos nomes da túa terra chega” este luns, 10 de outubro “á Fin da Terra” a Fisterra, co obxectivo de atraer “persoas que colaboren na recuperación e difusión da toponimia tradicional” a través da aplicación Galicia Nomeada, unha iniciativa compartida da Real Academia Galega e a Xunta de Galicia.

Aquelas persoas que estean interesadas en participar na recolla de nomes de leiras, montes camiños, fontes ou pedras do mar, poden acudir ás 17:00 horas ña charla que impartirá no salón de actos da Casa do Concello Vicente Feijoo, coordinador técnico do proxecto e do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, que será presentado polo alcalde fisterrán, José Marcote Suárez.

Fisterra foi un dos concellos que se tivo en mente na planificación da campaña Toponimízate deste ano porque forma parte dese grupos de municipios galegos que non foron obxecto dos traballos de recollida na época en que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (2000-2011).

Ademais disto, dáse o feito de que Fisterra e o veciño Corcubión son os concellos da provincia da Coruña con menos topónimos rexistrados na plataforma Galicia Nomeada, con 54 e 16, respectivamente. Estes 70 topónimos contrastan cos máis de 160.000 nomes de toda a provincia que se poden consultar na plataforma colaborativa xestionada pola Real Academia Galega, só o 0,04% de toda A Coruña.

“Este feito fai necesaria a nosa presenza no concello fisterrán para procurar a colaboración cidadá na recuperación dos seus microtopónimos e iniciar esta tarefa de salvagarda dun patrimonio cultural inmaterial que ten moita vinculación coa tradición mariñeira e coa xacobea. Como darse de alta en Galicia Nomeada e como usar a aplicación para rexistrar e divulgar todo este patrimonio será un dos temas centrais dos que se falará na charla de hoxe”, explica Vicente Feijoo.

“A Anchoa”, un topónimo único en Galicia

O acto tamén servirá para corroborar ou non as hipóteses sobre algún dos topónimos peculiares que hai neste concello da Costa da Morte. A Anchoa é un deles: topónimo único en toda Galicia, segundo a transmisión oral o nome débese a un establecemento de hostalaría da zona da recta de entrada á poboación que tiña por costume dar coa consumición unha tapa de anchoa. Vicente Feijoo preguntará aos presentes se é así ou se existen outras hipóteses e tamén explicará as etimoloxías das súas parroquias e lugares.

Algunhas delas son ben coñecidas, como a do propio nome do concello, Fisterra; e outras son ben sorprendentes, como é o caso de Ermedesuxo de Abaixo, topónimo este que indica ao mesmo tempo unha situación na parte superior e tamén inferior, pois a partícula suxo, que forma parte do primeiro elemento, procede do latín ‘sursum’, que significa “arriba”.

Salir de la versión móvil