Fisterra organiza unha amplia programación de Nadal

Haberá visitas do Apalpador e os Reis Magos, obradoiros de centros de mesa de Nadal, teatro, panxoliñas ou contacontos
Imaxe de arquivo dun obradoiro de centros de Nadal en Fisterra | CONCELLO DE FISTERRA
Imaxe de arquivo dun obradoiro de centros de Nadal en Fisterra | CONCELLO DE FISTERRA

A Concellería de Cultura do Concello de Fisterra presentou baixo o lema «Vive o Nadal na Fin do Camiño» unha ampla programación de Nadal, cunha completa serie de actividades tanto para os máis pequenos como para o público adulto que se prolongarán dende o 2 de decembro ata o propio Día de Reis.

Así, haberá dende obradoiros de centros de mesa de Nadal —con inscrición previa— ata obras de teatro, pasando por contacontos, presentacións de libros, panxoliñas e, por suposto, visitas tanto do Apalpador como dos Reis Magos.

A programación de Nadal do Concello de Fisterra | CONCELLO DE FISTERRA

A programación comezará a primeira fin de semana de decembro con teatro: o venres 2 Serea Teatro ofrecerá «Sen lingua», un drama sobre a violencia machista, mentres que o sábado 3 será a quenda de Migallas Teatro e a súa obra familiar «Petiscos da lingua». O venres 9 Horacio-Guillermo Vázquez Rivarola presentará o seu libro «Exploradores, científicos, pioneros y otros héroes españoles de la marina mercante argentina».

Os días 12 e 13 haberá obradoiros de centros de mesa de Nadal no Mercado Municipal de Fisterra, mentres que o sábado 17 en Sardiñeiro haberá outro obradoiro, nesta ocasión tanto de centros de mesa como de coroas de Nadal. Un día antes, o xoves 16, volverá o teatro da man de Talía Teatro e «Pelos na lingua».

O domingo 18 de decembro haberá un contacontos de nadal ás 17:00 horas a cargo de Raquel Queizás no Salón de Plenos, que tamén recibirá unha visita do Apalpador a partir das 18:00 horas. O sábado 24 o coro Nuestra Señora del Carmen visitará o centro de maiores ás 17:00 horas e despois, se o tempo acompaña, cantarán panxoliñas populares na Praza da Constitución.

O Día de Reis tamén haberá unha completa programación, cunha saída ás 10:00 horas para un percorrido pola Insua, a Escola Infantil e todo o rural de Fisterra. Xa pola tarde, ás 16:00 horas haberá unha recepción no Paseo Marítimo de Sardiñeiro —na Casa da Cultura en caso de mal tempo—, ás 17:15 horas unha visita ó centro de maiores e menores de Fisterra e ás 18:00 horas o desfile polas rúas de Fisterra, que rematará na Praza da Constitución, onde haberá animación musical de DJ, xogos tradicionais e entrega de caramelos.

Relacionadas