Fisterra prepárase para «o Entroido máis tradicional da Costa da Morte»

Dende o 11 ata o 21 de febreiro haberá espazo para desfiles, concursos de disfraces, cocido, actuacións e historia
Imaxe de arquivo do Entroido de Fisterra | CONCELLO DE FISTERRA
Imaxe de arquivo do Entroido de Fisterra | CONCELLO DE FISTERRA

O Entroido máis tradicional da Costa da Morte volve un ano máis: o Concello de Fisterra vén de anunciar a súa programación, con actividades entre o 11 e o 21 de febreiro no que, alén dos desfiles e concursos e disfraces, haberá oco para a historia, para degustar un cocido e para diferentes actuacións.

«Ide preparando os vosos disfraces e animádevos a vivir o mellor Entroido da Costa da Morte», convidan dende o Concello de Fisterra, que tamén vén de publicar as bases para os diferentes concursos de disfraces: infantil, de adultos e de comparsas.

O sábado 11 de febreiro haberá un Gran Cocido de Entroido a partir das 14:00 horas no Campo da Festa de Sardiñeiro con animación musical. As entradas pódense adquirir na Comisión de Festas de San Xoán de Sardiñeiro. O venres 17 será a quenda dos desfiles escolares: ás 10:30 horas sairán tanto do CEIP Mar de Fóra como do CEIP Areouta de Sardiñeiro e ás 15:30 horas sairán os do Colexio Nuestra Señora del Carmen de Fisterra.

Xa o sábado haberá desfile a partir das 18:00 horas, cando as comparsas se concentrarán na Cruz de Baixar antes de comezar o seu percorrido acompañadas por Rapacollón’s Big Band e a Charanga TNT. O pregón será na Praza da Constitución a cargo da Escola de Teatro Municipal de Fisterra. O fin de festa estará amenizado pola Discoteca Móbil Super Fabrik na carpa do porto de Fisterra.

O domingo 19 de febreiro na Praza da Constitución será a quenda dos concursos de disfraces tanto infantís como de adultos, acompañados ademais por animación musical, obradoiros de chapas, tatuaxes e un palomitero a cargo da empresa Divir-TT. O luns ás 10:30 horas haberá un desfile de entroido da escola infantil A Galiña Azul e a partir das 17:00 horas, circo na rúa no porto co espectáculo «Cirqueiras», con aéreos, danza, música e humor.

O peche de ouro chegará o martes 21 ás 18:00 horas da man do tradicional concurso de comparsas no porto. Haberá premios de 1.400, 1.100 e 800 euros para as tres primeiras e o resto de participantes terán unha axuda económica de 300 euros. O certame estará presentado por Cayetano Lledo e, ó remate, haberá animación musical a cargo da Charanga A Tripulasión.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.