O Concello de Muxía conmemorará o Día Internacional da Muller do vindeiro 8 de marzo cunha programación centrada en varios faladoiros, obradoiros e teatro que se estenderán ao longo dos meses de marzo de abril.
O punto de partida será o propio 8 de marzo, cando terá lugar a concentración e lectura do manifesto ás 12:00 horas diante da Casa do Concello. A partires de aí haberá dous meses nos que terán lugar actividades variadas e para todos os públicos.
“Estamos tremendamente orgullosas desta programación cultural que aposta pola igualdade e pola visibilidade a todos os niveis e abarcando todos os rangos de idade”, destacou a concelleira de Cultura e Xuventude, Olalla Benlloch, durante a presentación da programación do 8-M.
O alcalde, Iago Toba, tamén incidiu en que esta é “unha mostra máis da aposta en firme deste equipo de Goberno pola igualdade e pola visibilidade da figura da muller, sen deixar atrás a ninguén e afondando no diálogo e no autocoidado como eixos da igualdade e da visibilidade”.