O Concello de Vimianzo presentou esta mañá o Roteiro 8M, un percorrido urbano e reivindicativo con motivo do Día Internacional da Muller e cuxo obxectivo prioritario é visibilizar o seu papel na sociedade durante épocas pasadas.
En concreto, esta ruta de seis quilómetros polo Val de Vimianzo ten como fío condutor a vida e experiencias de centos de mulleres do municipio que participan no programa Actívate, unha iniciativa posta en marcha polo goberno local en diversas parroquias.
Roteiro 8M consta de oito paradas temáticas relacionadas co traballo, coa crianza, a escola e educación, a emigración, a labranza, a romaría, o fogar ou o palillar. As persoas que realicen o percorrido poden somerxerse en cada vivencia a través dos códigos QR instalados nos paneis de cada pausa. A primeira delas será no Pazo de Trasariz, coa educación como protagonista.
A presentación contou coa actuación especial da cantante Irma Macías e do grupo de teatro Tete, que interviu na parada establecida no Castelo. Ducias de veciñas e veciños desafiaron a tímida chuvia para estrear unha iniciativa que será perpétua na localidade soneirá. Por outra banda, continuarán durante os próximos días actividades a favor da igualdade e contra a violencia de xénero nos centros educativos.
A concelleira de Benestar Social e Igualdade, María José Pose, sinalou no seu discurso que “o que presentamos hoxe aquí non é unha simple camiñata a realizar un día calquera; é unha ruta sinalizada con vistas de futuro para coñecer o noso patrimonio e a historia da muller vimiancesa e da muller galega”, comezaba Pose.
A edila quixo agradecer “a todas as mulleres das 14 parroquias que, por medio dos obradoiros de estimulación cognitiva, participaron na creación deste roteiro; tamén a Sergio Trillo, voso mestre e psicólogo; a todos e cada un dos departamentos municipais,e tamén aos membros da corporación que nos acompañan hoxe aquí, especialmente á miña compañeira e concelleira de Cultura, Rosa Blanco, que sempre me acompaña nesta loita pola igualdade, así como a alcaldesa, Mónica Rodríguez, que non só fai que todo sexa máis doado e posible, senón que como muller, antepón en todos os ámbitos a as políticas de igualdade neste Concello”.