A Deputación leva a Festa da Música 2026 a quince concellos cun programa de concertos durante todo o mes de xuño

O ciclo conmemorará o Día Europeo da Música con actuacións de Cuarteto Debiselas, Anxo Araújo, Faia Díaz, Su Garrido Pombo e Belém Tajes en distintos puntos da provincia
A deputada de Cultura, Natividade González,durante a presentación da Festa da Música 2026 | Deputación da Coruña
A deputada de Cultura, Natividade González,durante a presentación da Festa da Música 2026 | Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña celebrará ao longo do mes de xuño unha nova edición da Festa da Música, unha iniciativa que achegará a música galega a distintos puntos da provincia mediante un programa composto por quince concertos noutros tantos concellos. O ciclo, impulsado pola Área de Cultura, enmárcase na conmemoración do Día Europeo da Música, que se celebra o 21 de xuño, e busca reforzar a programación cultural de proximidade e o apoio á creación musical galega.

A deputada de Cultura, Natividade González, destacou que a Festa da Música reflicte o compromiso da institución provincial coa descentralización da oferta cultural e co apoio aos artistas galegos. Neste sentido, subliñou a colaboración cos concellos para garantir que a actividade cultural chegue a todo o territorio e contribúa a poñer en valor a riqueza e a diversidade da escena musical galega.

Cinco propostas musicais en apoio á música galega

A programación abrirase os días 5, 6 e 7 de xuño con Merendola desconcertante, do Cuarteto Debiselas, que chegará a Santiso, Malpica e Rianxo. A formación volverá actuar o 18 de xuño en Muros, o 19 en Padrón e o 28 en Cerceda.

Pola súa banda, Anxo Araújo ofrecerá tres concertos dentro do ciclo: o 23 de xuño en Cedeira, o 26 en Arteixo e o 27 en Cee. Faia Díaz presentará o seu espectáculo Alvela o 14 de xuño en Melide e o 28 de xuño en Ribeira.

O proxecto Traspielas, liderado por Su Garrido Pombo, fará parada o 19 de xuño na Pobra do Caramiñal e o día 21 en Carballo. A programación completarase coa actuación de Belém Tajes, que presentará o seu primeiro disco, Amar o mar, o 19 de xuño en Vimianzo e o 20 en Ortigueira.

Con esta nova edición da Festa da Música, a Deputación da Coruña reforza a súa aposta pola difusión da música galega e pola colaboración cos concellos para impulsar unha programación cultural estable e accesible en todo o territorio provincial, coincidindo coa celebración do Día Europeo da Música.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.