Xa están á venda as entradas do festival EmigraSON para a súa cuarta edición. As salas La Tricoterie e La Madeleine acollerán os días 27 e 28 de febreiro actuacións de artistas como Baiuca, Ortiga, Sabela ou The Rapants.
Esta cuarta edición promete ser a máis ambiciosa ata o momento, cun cartel que reúne dez das propostas galegas máis relevantes do momento que combinan tradición, vangarda, diáspora e cultura galega global.
O venres 27, as novas voces da escena galega terán o seu espazo. Artistas como 9Louro, Fer e Paloma Paloma compartirán espazo con Duendeneta Dilleis e unha foliada a cargo da ACG A Roda e da Irmandade Galega na Suíza.
O sábado 28, a sala La Madeleine bailará e cantará ao ritmo de Baiuca, The Rapants, Ortiga e Sabela. Unha noite chamada a marcar un fito na presenza internacional da música galega.
En só tres edicións, o festival superou as 2.000 asistentes, atraendo público de Galicia, da diáspora europea e doutras nacionalidades. EmigraSON continúa abrindo camiño como un espazo de comunidade, identidade e innovación cultural, consolidándose como cita de referencia o primeiro trimestre do ano para fortalecer os vínculos da diáspora, dar visibilidade internacional á cultura galega e construír unha comunidade desde a perspectiva dunha Galicia global, creativa e en movemento.



