Este martes déronse a coñecer as candidaturas dos XXIV Premios Mestre Mateo, nun acto celebrado no centro sociocultural O Vello Cárcere de Lugo, presentado polo comunicador Juan Fuentes e a actriz Andrea Varela. A Academia Galega do Audiovisual aproveitou a xornada para anunciar tamén que a gala, que terá lugar o 21 de marzo en Lugo, estará conducida pola actriz Trisha Fernández e o cómico Federico Pérez, coa dirección do espectáculo a cargo da realizadora Marta Arévalo.
Os filmes ‘Antes de nós’, ‘Sirāt’ e ‘As liñas descontinuas’ concentran boa parte das candidaturas desta edición, sumando entre os tres 40 finalistas. A produción máis votada polas académicas e académicos foi ‘Antes de nós’, inspirada na figura de Castelao, que acada 18 candidaturas, incluída a de Mellor longametraxe, categoría que comparte con ‘As liñas descontinuas’, ‘Sirāt’ e ‘San Simón’.
‘Antes de nós’ sitúa como finalistas a Ángeles Huerta en dirección e a Pepe Coira en guión, ademais de Cris Iglesias e Xoán Fórneas nas interpretacións protagonistas. O filme destaca tamén nas categorías de reparto, técnicas e artísticas, con nomes como Luisa Merelas, Nancho Novo, Lucía C. Pan AEC, Lucía Caramelo, Sofía Oriana Infante Souto ou Chicha Blanco, entre outros.
Pola súa banda, ‘As liñas descontinuas’ suma 11 candidaturas, con Anxos Fazáns como finalista en dirección e guión, compartido con Ian de la Rosa, e con Mara Sánchez e Adam Prieto como protagonistas. Tamén compite en categorías técnicas como fotografía, montaxe, música orixinal e son. O mesmo número de candidaturas acada ‘Sirāt’, finalista en dirección e guión con Oliver Laxe e Santiago Fillol, e cun destacado percorrido nas áreas técnicas.
Nas interpretacións protagonistas femininas compiten tamén Alba Flores por ‘Punto Nemo’ e Lucía Veiga por ‘Mi Ilustrísimo Amigo’, mentres que en masculina destacan Flako Estévez por ‘San Simón’ e Luis Tosar por ‘Golpes’. En televisión, a serie ‘Weiss e Morales’ sitúase como unha das máis recoñecidas e compite a Mellor serie con ‘Bibopalula’, ‘O Home Perfecto’ e ‘Punto Nemo’.

