O cemiterio da igrexa de Luou —no concello de Teo— acolle, dende este luns, a un equipo formado por arqueólogos, historiadores e antropólogos forenses.
Entre picos e carretillas traballan co obxectivo de atopar os restos de catro homes: Ricardo Fernández Carlés, Florentino Menéndez Palacios, Manuel Agrasar Cajaraville e Vicente López Novo. Todos eles formaron parte da resistencia armada antifranquista, concretamente da V Agrupación, comandada por Foucellas.
Segundo as testemuñas orais e escritas recollidas por Histagra —o grupo pertencente á Universidade de Santiago de Compostela encargado destas labores—, estes catro homes foron abatidos o 19 de maio de 1948 durante un enfrontamento en Loureiro, parroquia de Luou.
Os traballos forman parte dunha campaña de memoria histórica impulsada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) no marco do Plan Cuatrienal de Memoria Democrática, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia.
A intervención en Teo súmase á xa realizada en Rianxo e á prevista en Ribeiras do Sor —Mañón—, dentro da campaña de Memoria 2025.

