«As Marilindres sempre estiveron aí, só que non sabiamos nomealas»

Carballo Interplay acolle o venres 25 de abril no Mercado o preestreno de 'Mariliendre', a serie dos Javis dirixida polo lucense Javier Ferreiro
Javier Ferreiro, director de 'Mariliendre'
Javier Ferreiro, director de 'Mariliendre'

Este venres 25 de abril, ás 20:00 horas, o Mercado de Carballo acollerá a estrea galega de ‘Mariliendre’, a primeira serie creada e dirixida por Javier Ferreiro, que regresa á súa terra co orgullo de presentar a súa comedia musical ante o público do Carballo Interplay. «Estou moi emocionado de presentala en Galicia. Non só porque se vexa aquí, senón polo encontro coa xente, por poder falar e compartir impresións. E ademais, vou estar acompañado de Blanca, a protagonista, o cal é moi especial».

‘Mariliendre’, producida por Suma Content (a compañía dos Javis), conta a historia de Meri Román, unha exdiva da noite gay madrileña que regresa ao seu antigo grupo de amizades despois da morte do seu pai. A serie, que combina comedia, drama e números musicais, foi seleccionada en festivais como Series Mania (Francia) e clausurou fóra de concurso a sección oficial do Festival de Málaga. Chega agora a Galicia pouco antes da súa estrea en Atresplayer, prevista para o 27 de abril.

«Hai moitas historias LGTBIQ+ por contar»

«Estivemos xa en Málaga, en Lille, en San Sebastián… pero isto é diferente. Para min Galicia é moi importante, ten moito peso na miña vida», comenta Ferreiro, que se formou en guión e dirección de ficción en Cuba, na EICTV, antes de fundar a súa produtora, Amor y Lujo, e colaborar como guionista en proxectos como ‘Vestidas de azul’.

Sobre o papel da comunidade LGTBIQ+ na serie, o director explica que hai moitas historias por contar: «A figura da Marilindre estaba moi presente na xeración dos 2000, pero non había conciencia do termo. Estaban aí, eran as amigas que sempre ían con nós, que nos acompañaban nas festas, que estaban no medio do grupo».

Ferreiro lembra unha escena moi concreta da súa adolescencia en Lugo: «Eu recordo moitísimo a miña irmá, que me levaba varios anos, de chegar un día ao instituto e dicirme: “este compañeiro meu dixo públicamente que é gay”. E de repente dinme conta de que esa rapaza que sempre o acompañaba era a súa Marilindre. Estaban aí, pero non sabiamos poñerlles nome».

A elección do musical como formato o tiña rondando na cabeza. «O universo da serie é moi pop, moi dos 2000, e a música tiña que estar moi presente. Os musicais permiten contar emocións dun xeito moi potente, axudan a profundizar nos personaxes e a crear atmosferas». A banda sonora inclúe temas orixinais e versións de clásicos como Sonia e Selena ou Chenoa, pensadas para conectar co público que viviu esa época e para que «os sentimentos pasen tamén pola música».

Coloquio en el Carballo

No coloquio que seguirá á proxección, Javier espera atopar conversacións abertas e diversas: «Cada persoa conecta con algo distinto: hai quen se queda coa figura da Marilindre, outros cos conflitos do pasado, coa saúde mental, co que non se contou… Sempre hai reflexións moi interesantes. E moitas veces ves como a serie actúa como espello para as súas propias vivencias».

Ferreiro tamén está inmerso no desenvolvemento da súa primeira longametraxe, Fame e febre, que se rodará integramente en Galicia e en galego. «É unha historia que fala da figura do coidador, dun irmán que se ocupa da súa irmá ingresada nun centro por trastornos alimentarios. Trata de como, ás veces, cando te entregas ao coidado doutra persoa, esqueces vivir a túa propia vida». O proxecto conta co apoio de AGADIC e do Institut Català de les Empreses Culturals (ICEC), e será «un drama máis directo, máis íntimo, con moita carga persoal».

Para Javier, filmar en Galicia e en galego é unha prioridade: «É a lingua na que penso e na que sinto. A min interésame contar historias desde aquí, e facer visible todo o que temos. Porque en Galicia está pasando algo moi interesante no audiovisual». E non escatima nomes: «Hai unha xeración impresionante: Jallone, Fon Cortizo, Axos Fafans, Oliver Laxe, Álvaro Gago… Sigo a moitos e paréceme que están facendo propostas moi potentes a nivel narrativo».

En ‘Mariliendre’, Ferreiro conxuga memoria emocional, cultura pop e reflexión social dende unha perspectiva queer e galega. «Para min esta serie é unha homenaxe a esa figura que sempre estivo aí, á que nos coidaba, nos acompañaba e nos facía rir. E tamén é unha forma de falar de nós, de como fomos e de como somos. E facelo na casa, en Galicia, é unha ledicia inmensa».

A entrada para a proxección do venres é gratuíta ata completar aforo, e promete ser un dos momentos máis emotivos do festival.

Publicidad
Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.