As Pontes fai melloras na escola infantil A Barosa

As obras comezaron o mes pasado e servirán para renovar as infraestruturas e o equipamento do centro. Hai 91 menores en xornada de mañá e 60 utilizan o comedor.

Exterior da Escola Infantil A Barosa.

O Concello das Pontes puxo en marcha as obras de mellora das infraestruturas e o equipamento da escola infantil municipal A Barosa.

Os traballos, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), cun orzamento de 27.000 euros, teñen como obxectivo prioritario acondicionar a zona exterior da aula destinada ao alumnado dun ano, aumentando as medidas de protección e seguridade coa incorporación dun valado e a instalación de pavimento de caucho de absorción de impacto, para poder ofrecer a máxima protección aos alumnos e alumnas ante o risco de caídas.

Esta achega tamén permitirá mellorar o equipamento preciso para o desenvolvemento da actividade no comedor escolar coa adquisición dun lavalouzas e unha secadora.

Nese sentido, desde o departamento de Benestar Social apuntan que “a escola ten capacidade para 91 menores en xornada de mañá. Durante os primeiros anos empregaban o servizo de comedor 25 nenos e nenas, e na actualidade a cifra chega ata os 60, polo que a cantidade de menaxe que é preciso lavar aumentou considerablemente e resultaba imprescindible dispoñer de equipamento industrial”.

 

Pizarras dixitais

Asi mesmo, esta achega económica permitirá a adquisición de varias pizarras dixitais e de reprodutores musicais, que permitirán dar un impulso á innovación da pedagoxía mediante a posta en marcha de actividades multisensoriais.
Con este novo material se achegará ao alumnado ás novas tecnoloxías e se potenciará o desenvolvemento da coordinación corporal, a motricidade, a relaxación ou a memoria, entre outras capacidades.
Para o Concello de As Pontes o ensino público é unha prioridade na sua acción de goberno, polo que acomete de forma constante obras de mellora nos diferentes centros educativos, co obxectivo de que os nenos e nenas estuden nas mellores condicións.

 

RelacionadoRenovación da área de xogos da rúa Covelos, nas Campeiras

 

Salir de la versión móvil