O departamento de Bibliotecas de Ames retoma coa chegada de setembro unha das súas propostas con mellor acollida, os encontros literarios. Estas presentacións, que serven para dar a coñecer novas autoras, autores e proxectos literarios á veciñanza amesán, contaron cunha ampla participación ao longo do último trimestre de 2021 e da primeira metade de 2022. En total, unhas 475 persoas participaron nos 18 encontros organizados polas bibliotecas, cunha media de 26 persoas asistentes por xornada.
Neste primeiro encontro literario do curso escolar 2022-2023, o protagonismo será para o escritor Diego Rojo e o artista Krzysztof Powałka, que colaboran no poemario ‘O roubo do sol’, publicado na colección ‘Letra inversa’ da editorial Toxosoutos. A presentación terá lugar o xoves 1 de setembro na biblioteca municipal de Bertamiráns, ás 20:30 horas.
Diego Rojo Garrido -Malpica, 1969- é escritor e profesor de secundaria. ‘O roubo do sol’ é o seu primeiro poemario, aínda que ten escrito manuais deportivos, relatos curtos e unha novela aínda inédita. Na actualidade compaxina o traballo coa súa paixón polo deporte e a música, colaborando con distintas formacións, e con este proxecto co que combina pintura e literatura da man de Krzysztof Powałka.
O ilustrador e pintor polaco Krzysztof Powałka -1985- estudou Belas Artes en Katowice (Polonia) e Urbino (Italia). Os seus cadros expóñense non só no seu país natal, senón tamén por toda Europa, con obras en galerías en España, Italia, Mónaco ou os Países Baixos. Neste senso, e complementando á presentación, algúns dos seus traballos estarán expostos entre o 1 e o 11 de setembro na Casa da Cultura de Bertamiráns.
Discussion about this post