Galicia estará presente na Eurovisión da intelixencia artificial coa cantiga medieval “AI-LALELO”

Esta cantiga composta con intelixencia artificial está entre as quince finalistas do AI Song Contest, que se celebrará o vindeiro 6 de xullo en Liège

Imaxe do vídeo musical de "AI-LALELO" | CEDIDA

A cantiga medieval galega composta por intelixencia artificial AI-LALELO é unha das quince seleccionadas por un xurado profesional para participar na final do AI Song Contest, a Eurovisión da intelixencia artificial, que se celebrará o vindeiro 6 de xullo na cidade belga de Liège. A canción é unha homenaxe ás mulleres que impulsaron Galicia e á súa tradición, lingua e cultura.

Esta iniciativa, impulsada pola axencia creativa compostelá CECUBO Group e liderada polo xornalista galaico-catalán Joel Cava, foi elixida entre un total de 100 candidatas, xunto a propostas de países como Países Baixos, China, Tailandia, Reino Unido, Suecia, Estados Unidos, Corea do Sul, Francia e Alemaña.

A candidatura galega xa fora seleccionada nunha semifinal interna o pasado 1 de xuño. Superada esta primera fase, un xurado de especialistas en intelixencia artificial escolleu as quince cancións que se enfrontarán na final do AI Song Contest. Os expertos destacaron que as propostas definitivas “brillan pola súa diversidade xeográfica, cultural e algorítmica”.

Xa se pode votar

A votación está aberta dende hoxe ata o vindeiro 6 de xullo, o día da final. O gañador decidirase pola suma dos puntos do xurado e do voto do público, que se pode emitir de balde a través da propia páxina oficial do festival. As dúas votacións terán o mesmo peso. O equipo galego compite baixo o nome de PAMP!, as siglas de Proxecto Ana María Prieto, un homenaxe á primeira programadora galega.

“Chegar á final xa supón en éxito para toda Galicia, xa que nos permite amosar a nosa cultura ó mundo e reivindicar o talento galego no eido da intelixencia artificial”, celebran dende o equipo, que chama á cidadanía a votar “en masa” pola canción para que Galicia e España teñan unha candidatura gañadora nesta particular edición de Eurovisión.

A canción é o resultado dun proceso creativo de catro mexes no que o equipo galego compuxo AI-LALELO a partir de intelixencia artificial aplicada á composición da letra, harmonías, instrumentos e mesmo ó videoclip, que xa acumula 9.000 reproducións nas distintas plataformas de streaming. A iniciativa, impulsada pola axencia compostelá CECUBO Group, supón un proxecto punteiro no uso da intelixencia artificial, posicionando o talento galego como referente neste eido.

 

Salir de la versión móvil