O que parecía un simple traballo de reorganización interna acabou revelando unha auténtica xoia documental. Un funcionario do Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Pontevedra localizou o expediente de declaración de herdeiras de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, datado en 1972, que a partir de agora pasará a formar parte do fondo público do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, onde poderá ser consultado.
O achado produciuse no mes de agosto, durante as tarefas de reordenación do antigo arquivo xudicial. O responsable do descubrimento foi Pablo López, funcionario de auxilio xudicial, quen atopou o documento por casualidade mentres revisaba caixas de documentación antiga.
Foi el quen confirmou que ese documento pertencía ao Castelao “que todos conocemos”. Unha vez identificado, púxoo en coñecemento do xulgado e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
A proposta de cesión ao arquivo foi inmediata. «Todos concluimos que debería estar en un archivo histórico para que pudiese ser estudiado por los investigadores y conservado en mejores condiciones», indicou o propio funcionario. A coincidencia co chamado Ano Castelao, no que se conmemora o 75 aniversario do seu falecemento, envolve en simbolismo este descubrimento.
Sen relación de bens pero con valor histórico
A declaración de herdeiras é un documento xudicial que se tramita cando unha persoa falece sen testamento, como foi o caso. Nel determínase quen ten dereito á herdanza, pero non se inclúe unha relación detallada dos bens. No momento da súa tramitación, en 1972, xa falecera a viúva de Castelao, Virginia Pereira, polo que as únicas herdeiras recoñecidas foron as súas irmás: Josefina e Joaquina Teresa Rodríguez.
Segundo explicou o presidente da Asociación de Amigos do Museo de Pontevedra, Ernesto Vázquez-Rey, o documento tamén axuda a entender o contexto familiar e patrimonial do autor, marcado por certas “tensións” entre a viúva e as irmás. «El problema que había entre la viuda y las hermanas era sacar cierto rendimiento de esa herencia, es decir, poder explotar esos derechos de autor de Castelao», apuntou.
Pontevedra, última residencia antes do exilio
O expediente foi tramitado en Pontevedra, pois esta foi a última cidade na que Castelao residiu antes de cruzar o Atlántico cara o seu exilio, en 1936. Para Vázquez-Rey, este achado “refuerza” o papel de Pontevedra no estudo do seu legado, cidade que conserva a maior parte da súa obra artística e persoal.