Falar hoxe de orquestras en Galicia é falar da Panorama, da París de Noia ou do Combo Dominicano. Arrasan nas festas de todo o país e téñense convertido en auténticas referencias culturais das novas xeracións, congregando a milleiros de persoas cada ano nas prazas dos concellos e nos campos da festa das parroquias galegas. O que non moitos saben é que este fenómeno, que mesmo vén de inspirar un documental, ten as súas raíces nunha tradición de máis dun século no noso país. Pero si hai un nexo constante entre os macroespectáculos de luces e sons destes tempos e os ‘shows’ de antes: sempre foron moito máis que música.
Detrás dunha orquestra, aparece un concepto máis amplo coñecido da “festa”, un evento que supón moito máis que o feito de montar un escenario e tocar. Segundo Zósimo López, un dos investigadores pioneiros no estudo das orquestras galegas xunto a Henrique Neira e baixo a coordinación de Xaime Fandiño, estas celebracións son auténticos motores sociais. “É unha programación de todo o ano para festexar unha, dúas ou tres noites soamente”, explica.

O traballo, titulado Do palco ao escenario e publicado pola Universidade de Santiago de Compostela, analiza o nacemento da música en directo no ámbito popular galego, os postos de traballo que xera este sector e a súa importancia na vida social e cultural de Galicia. O estudo pon o foco na relevancia das orquestras como motores de socialización. As verbenas son auténticos rituais comunitarios onde os veciños se implican organizando a recollida de cartos, contactando coas orquestras e preparando todo para unhas noites de celebración compartida.
En Galicia hai máis de 295 grupos e orquestras que, en conxunto, moven máis de 25 millóns de euros ao ano e xeran emprego para unhas 4.000 persoas. A pesar de que se trata dun sector económico de gran relevancia, a súa dimensión cultural foi historicamente subestimada. “Existe un certo elitismo cultural. Parece máis atractivo investigar sobre artistas anglosaxóns como Madonna ou Taylor Swift que sobre as nosas orquestras. Ademais, o feito de que moitas das cancións que interpretan estean en castelán dificulta que se consideren patrimonio galego”, apunta López.

(Pontevedra)
Con todo, o verdadeiro valor das orquestras galegas reside no seu impacto social. “O importante non é só a música, senón a reunión, a convivencia cos familiares e o disfrute deses primos, avós ou tíos que veñen de fóra de Galicia para as festas”, engade o investigador. Estes eventos xeran espazos únicos onde conviven xeracións e estilos musicais. Dende Beyoncé ata Ana Kiro, pasando polo merengue, o rock e o pop, as orquestras ofrecen unha mestura de estilos que chega a un público amplísimo e diverso.
As bandas e orquestras galegas foron transformándose co paso dos anos, reinventándose ao compás dos tempos pero sen deixar nunca de soar coa súa esencia máis auténtica. Unha das primeiras referencias que se teñen é a da orquestra Compostela, fundada en 1919 segundo o seu director. Nos anos 40, as bandas de música, compostas principalmente por instrumentos de metal e con forte influencia militar, deron lugar ás primeiras orquestrinas que amenizaban verbenas, bailes de sociedade e eventos en casinos.
En 1945, a orquestra Os Satélites iniciou a súa primeira xira por Venezuela, un fito que marcou o inicio dunha nova era para estas agrupacións. A conexión coa emigración galega permitiu incorporar ritmos latinos, como o merengue e a salsa, ás festas populares en Galicia, creando unha sonoridade nova e diversa. Entre os anos 60 e 70, as verbenas alcanzaron un novo nivel de popularidade, converténdose en eventos de gran importancia social. “Cantos matrimonios naceron e se coñeceron nas festas organizadas polas orquestras?”, pregúntase López, quen fai fincapé no papel destas celebracións como espazos de encontro para as comunidades.
Xa nas décadas dos 80 e 90, a Televisión de Galicia xogou un papel fundamental na visibilización das orquestras, con programas como Ruada (1985), Auga de Verán (1989) ou Mar a Mar (1991), e espazos na Radio Galega como Gran Casino (1988) ou Radio Onte (1990). Estes formatos non só deron a coñecer estas agrupacións, senón que transformaron a algúns dos seus integrantes, como Lito Garrido da Panorama, en figuras mediáticas.
Innovación e espectáculo no século XXI
Co paso dos anos, as orquestras foron incorporando avances tecnolóxicos que revolucionaron os seus espectáculos. Amplificadores, luces LED, macroescenarios e mesmo números acrobáticos pasaron a formar parte da oferta das orquestras máis destacadas. “Parece case unha carreira armamentística por ter o maior escenario ou os efectos máis impresionantes”, comenta López. Aínda que só unhas poucas agrupacións apostan por estes espectáculos de gran formato, os seus shows marcaron unha nova era para as verbenas.
O valor histórico e cultural das orquestras tamén foi recoñecido en iniciativas como a exposición Botamos un baile?, acollida na Cidade da Cultura e comisariada por López e Neira, onde se amosaron carteis antigos, programas de festas e fotografías históricas. Ademais, proxectos como Palcos, liderados por investigadores do INCIPIT-CSIC, estudaron e catalogaron os escenarios tradicionais construídos entre os anos 60 e 2000, destacando o seu valor arquitectónico e social.
Hoxe, as orquestras galegas seguen sendo moito máis que espectáculos musicais. Son un reflexo da historia e a cultura popular de Galicia, un espazo onde tradición e modernidade conviven en perfecta harmonía.