O Carballo Interplay 2026 presenta unha edición centrada en IA, podcasts e series

O cartel reúne a Prado Rúa, Marina G. Canedo, Samantha Hudson, María Barrier, Lorena Iglesias ou as irmás Lúa e Zeltia Mosquera para explorar o futuro da comunicación online e da cultura de internet
Una de las mesas redondas del Carballo Interplay 2024, espacio de debate sobre tendencias digitales, redes sociales y nuevos formatos audiovisuales.
Una de las mesas redondas del Carballo Interplay 2024, espacio de debate sobre tendencias digitales, redes sociales y nuevos formatos audiovisuales.

O Carballo Interplay 2026 xa publicou o seu programa completo e confirma por que é o festival de referencia da cultura dixital en Galicia e un dos máis innovadores do Estado. Do 16 ao 19 de abril, Carballo converterase no epicentro das novas narrativas, da creación de contido e das tendencias que están a redefinir o ecosistema online, cunha programación que combina activismo en redes, intelixencia artificial, podcasts en directo, estreas de series, divulgación e unha Sección Oficial que reúne algunhas das propostas máis frescas da creación audiovisual independente.

O xoves 16 comezará ás 11:00 no Mercado de Carballo cunha conversa sobre crear contido en galego nas redes, protagonizada por Prado Rúa e Konachadas, que abrirán o debate sobre identidade, comunidade e creatividade na esfera dixital. Ás 12:00, Marina G. Canedo impartirá un obradoiro de activismo creativo, centrado en como as redes se converteron nun espazo clave para a mobilización social. Xa pola tarde, ás 17:00, presentarase a revista Clara Corbelhe #5, dedicada á soberanía dixital, e ás 18:00 terá lugar a estrea de “Epidemia Invisible”, a nova serie de Román Varela. A xornada pecharase ás 19:00 coa proxección do primeiro bloque da Sección Oficial, que reúne producións internacionais emerxentes.

Charla sobre IA e podcasts

O venres 17 abrirá ás 10:00 cun dos encontros máis esperados: a charla de Maldita titulada “Isto non é ciencia ficción: IA e traballo en medios dixitais”, que examinará o impacto real da intelixencia artificial no xornalismo e na creación de contido. Ás 11:30, unha mesa redonda sobre o estado do podcast en España reunirá representantes de Prisa, Tresdeu Media, Festivalpod e RNE para analizar formatos, audiencias e modelos de negocio. A tarde comezará ás 16:00 cun panel sobre novos medios e algoritmos, seguido ás 17:00 pola proxección do segundo bloque da Sección Oficial. Ás 19:00, Raquel Piñeiro e Patricia Blanco ofrecerán un show especial sobre Sexo en Nueva York, antes da preestrea galega de “Millennial Mal”, programada para as 20:00. A xornada culminará ás 21:00 co directo de Bimboficadas, o podcast de Samantha Hudson e María Barrier.

Divulgación e saúde dixital

O sábado 18 comezará ás 10:00 coa charla “Scroll, scroll, STOP”, centrada nas novas dinámicas da divulgación en redes e na necesidade de repensar formatos nun contexto de saturación informativa. Ás 11:30, a conversa “Internet chiquito” afondará nos espazos hostís da rede e no impacto emocional que teñen sobre as usuarias máis novas. O terceiro bloque da Sección Oficial proxectarase ás 13:00, completando a sesión matinal. Xa pola tarde, ás 17:00, celebrarase un debate en directo sobre Twin Peaks, seguido ás 18:00 dunha nova sesión do Código Fonte Audiovisual con Lúa e Zeltia Mosquera. Ás 19:30, o podcast Pop y Muerte ofrecerá un directo especial, e ás 21:00 o músico Pantis presentará o seu disco memoria nova (2025) nun concerto que pechará a xornada.

Sesión vermú e premios

O domingo 19 comezará ás 12:00 coa entrega de premios do Carballo Interplay 2026, presentada por Lorena Iglesias, que tamén protagoniza unha das estreas destacadas desta edición. Tras a gala, ás 13:30, o festival despedirase cunha sesión vermú na Xamonería a cargo de Monkey Mambo Club, que ofrecerá unha selección musical que viaxa polos anos 50 e 60.

Co seu programa máis transversal e ambicioso, o Carballo Interplay 2026 reafirma o seu papel como un dos grandes laboratorios de ideas sobre cultura de internet, creación de contido e novas narrativas. A combinación de estreas, debates, formación, música e podcasts en directo consolida o festival como un espazo imprescindible para comprender cara onde se move a comunicación dixital contemporánea e cales serán as tendencias que marcarán os próximos anos.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.