Esta fin de semana adentrámonos no momento máis intenso do Entroido galego. Tras semanas de espera e de actividades que foron quecendo o ambiente, chegan por fin as xornadas principais dunha das celebracións máis singulares de toda Europa.
O «triángulo máxico», epicentro da festa
O auténtico corazón da festa atópase en Ourense, no que moitos chaman o “triángulo máxico”: Xinzo de Limia, Verín e Laza. Durante estes días, as tres vilas concentran multitude de actividades e ata elas achéganse centos de visitantes.
En Xinzo de Limia, declarado de Interese Turístico Internacional, as rúas énchense de pantallas, charangas e comparsas. O momento central do programa chegará co desfile principal do Martes de Entroido, unha das estampas máis representativas do carnaval nesta vila ourensá. Xa o mércores, a festa mudará de rexistro co tradicional Enterro da Sardiña: unha procesión, lectura do testamento e queima simbólica que despiden o Entroido ata o vindeiro ano.
Na terra dos cigarróns, en Verín, o Entroido vívese con intensidade desde o chamado Venres de Compadreo. Durante esta fin de semana, a música e a animación toman o centro urbano, convertendo espazos como a Praza García Barbón nun dos epicentros da celebración. O Domingo Gordo será a quenda dos desfiles de carrozas, comparsas e, como non, dos cigarróns. A festa esténdese ata o Mércores de Cinza, día no que se procederá a realizar o enterro da sardiña.
En Laza as celebracións grandes comezaron este Xoves de Comadres. Con todo, o prato forte chegará co Sábado de Fariñada e Cabritada. A fariña voando polas rúas e a celebración gastronómica converten a vila nun escenario único.

Queima do Meco de Redondela
Nesta vila pontevedresa, o Entroido combina a festa coa crítica política da man da queima do Meco. Este ano, a figura representará ao presidente dos Estados Unidos subido nun misíl nuclear. A tradicional Queima do Meco terá lugar o Martes de Entroido, día 17, ás 19.00 horas, acompañada do espectáculo “Hexagonum” de Troula Animación. A celebración continuará pola noite co concerto da Mekánica Rolling Band na praza da Constitución.

A Pobra do Brollón, tradición no corazón da Ribeira Sacra
En Salcedo, unha aldea do municipio de A Pobra do Brollón, celebran cada Entroido da man dun protagonista ben particular: o Oso de Salcedo. A súa orixe é incerta, pero esta tradición parece estar relacionada co fin da hibernación e a chegada da primavera. Trátase dunha das manifestacións máis singulares do carnaval lucense que terá lugar o 16 de febreiro.

Lalín: do cocido aos disfraces
Días despois da tradicional Festa do Cocido, a localidade prepárase xa para vestir de gala e dar inicio á súa semana grande do Entroido. As rúas enchense xa de talleres de maquillaxe e máscaras, espectáculos musicais e, como non, dos Cacharelos, personaxes que percorren a vila animando a festa.

O último baile: a Mikaela
Tras percorrer as grandes celebracións do Entroido, vivir desfiles e coñecer personaxes tan singulares como o Oso de Salcedo, a festa non se dá por rematada. A última cita para quen quere prolongar a diversión ata o último intre atópase na aldea de Buño, en Malpica, onde a Mikaela será a protagonista o sábado 21 de febreiro. Entre charangas e disfraces, a figura percorre as rúas da vila e pecha o calendario de Entroido galego.


