O San Froilán 2025 suma novas incorporacións musicais ao seu cartel

Dakidarría, Lia Kali ou De Ninghures actuarán nesta edición do San Froilán que se celebrará entre o 4 e o 12 de outubro
Imagen de archivo de las fiestas de San Froilán, en Lugo | CONCELLO DE LUGO
Imagen de archivo de las fiestas de San Froilán, en Lugo | CONCELLO DE LUGO

O Concello de Lugo anunciou este luns a ampliación do cartel do San Froilán 2025, que se celebrará entre o 4 e o 12 de outubro. O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentaron unha lista de artistas que se unen ás confirmacións xa avanzadas nas últimas semanas.

Entre as novas incorporacións figuran Dakidarría, Queralt Lahoz, Cristina Branco, Irmaus da Raia Seca, Germán Díaz, El Nido, SonDeSeu, Uxía, Nogen, Anxo Araujo, El Pony Pisador, Abril, De Ninghures, Mocho Gris, Loita Amada, Festikultores e Duendeneta. Estes nomes súmanse a Tanxugueiras, Xoel López, Lia Kali, Consorcio, Guadi Galego, Biznaga, Bala, Vera Fauna, Patáx e Lucía Pérez.

«O San Froilán continúa a medrar cun cartel amplo e diverso, que ofrecerá música para todos os gustos durante os nove días de festa», sinalou Arroxo, quen destacou tamén que aínda quedan por anunciar concertos, pasarrúas e actuacións de orquestras.

Ferreiro puxo o foco na variedade de estilos e procedencias: «Ás confirmacións xa coñecidas engádense agora nomes que reforzan a diversidade e a proxección internacional da nosa programación. Trátase dun cartel que combina tradición e vangarda, voces consolidadas e propostas emerxentes».

A concelleira salientou ademais a presenza de artistas galegos como Dakidarría ou De Ninghures, xunto a proxectos chegados de Cataluña, Euskadi ou Portugal, que enriquecen o diálogo cultural. «Agardamos que a veciñanza e quen nos visite sintan as festas como propias, gozando non só dos concertos nas prazas Horta do Seminario, Santa María e Mosqueira, senón tamén da animación de rúa e das actividades nos barrios», engadiu.

O programa do San Froilán 2025 superará as 200 actividades, consolidando a cita como unha das máis relevantes do calendario cultural galego.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.