Moitos xa a califican como a película do ano: ‘Sirat’, de Oliver Laxe, non deixa a ninguén indiferente. Os personaxes, os planos ás veces agónicos e a súa música atrapan a aqueles que enchen as salas de cine estes días.
Precisamente a súa música encherá tamén esta noite, dende as 23:00 horas, a Praza da Quintana cun DJ set presidido por Kangding Ray e o propio cineasta. Esta actuación musical englobada dentro da programación do Festival compostelán Curtocircuíto permitirá que o público se achegue a unha banda sonora que vén de ser galardoada en Cannes.
Un elemento narrativo que Oliver Laxe considera clave e polo que se sente agradecido, pois recorda que rodando ‘O que arde’ (2019) non tivo a oportunidade de traballar cun compositor: «Naquel momento nin se plantexaba iso».
Seis anos despois e cun ‘Cannes Soundtrack’ debaixo do brazo a director asegura que «no fondo quero expresarme musicalmente […] Estou a darme conta de que son músico«.
Xunto ós ritmos electrónicos que envolven ‘Sirat’ e que soarán nesta particular ‘rave’ ós pés da Catedral de Santiago haberá unha ambientación visual creada por Adrián Canoura cun claro obxectivo: ser unha volta ás orixes da película. A eses días nos que Laxe soñaba co universo ‘Sirat’: «Cando eu escribín este guión bailando tiña moitas imaxes de camións avanzando, fundidos encadeados, transparencias…». Unhas ideas que quedaron fóra da película e que agora quere compartir co público dunha forma máis depurada que como se viron nas salas de cine, pois o artista asegura que a súa intención é que a posta en escena sexa «máis febril».
Coa mente e os pés achegándose a unha das prazas máis emblemáticas da capital de Galicia, Laxe fai un recorrido polo que foron estas semanas nas que presentou ‘Sirat’: «toda a cinefilia mundial estaba superexpectante. Non me esperaba esta acollida, e menos nunha peli deste tipo».
Con esta hospitalidade que está a recibir pode parecer doado soñar, mais Laxe asegura que o Óscar «non está nas miñas ambicións»: «Conectar co espectador é o soño de todo cineasta, ese é o gran premio». Un galardón que parece que a crítica e o público xa lle otorgou, pois o parisino asegura que «a peli está removendo moi forte, hai xente mirando adentro, que é o que quería».