Ortigueira dixitaliza parte dos fondos documentais do arquivo municipal

Entre eles atópasen algúns documentos de gran valor histórico como sesións do pleno do século XVI

Ayuntamiento de Ortigueira

O Arquivo do Concello de Ortigueira completou o traballo de dixitalización de varios fondos documentais -algúns deles do século XVI- grazas a unha subvención concedida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) co apoio da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta e cofinanciada polos fondos FEDER da Unión Europea dentro do programa operativo para garantir un mellor uso das tecnoloxías da información. Con esta axuda púxose en marcha un plan para a xestión dixital do patrimonio cultural.

A documentación á que xa se pode acceder en formato dixital, e que está a disposición dos
investigadores e as persoas interesadas, son os libros de acordos do Pleno entre 1549 e 1996; os da
Comisión de Goberno de 1915 a 1996 e o Fondo do Concello de San Adrián de Veiga (1836-1849). Pódense consultar a través do Arquivo Dixital de Galicia.

A subvención coa que se levaron a cabo estes traballos -que se convocou en réxime de concorrencia competitiva- ascendeu a 15.847,93 euros e a adxudicación realizouse á empresa Vinfra, S.A., que desprazou ata Ortigueira os medios e persoal para levalos a cabo. Foi o técnico especialista en dixitalización histórica Xoán Alberte Porto o encargado das tarefas, que se desenvolveron entre o 10 de xuño e o 8 de agosto do 2019. Desde a entidade ortegana destacan a importancia de conservar adecuadamente unha documentación “que é imprescindible para coñecer o noso pasado”.

Salir de la versión móvil