URBEX: o perigoso estilo fotográfico que redescobre as paisaxes urbanísticas

Edificios en ruínas, dende alturas vertixinosas ou dentro dos propios sumidoiros da cidade son algunhas das imaxes que compoñen esta fermosa forma de fotografar

Carlos Muiños

Unha pacífica metralladora no garaxe dunha casa abandonada, invisibles fotos colgando das paredes descoidadas, inaudibles partituras enriba dun piano silencioso, preciosas vaixelas de porcelana nunha fábrica sen traballadores, luxosos palacios seculares sen ninguén que os goce.

Infinitas son estas historias que permanecen agochadas en lugares esquecidos, esperando a que un fotógrafo saque a súa cámara para capturar lembranzas latentes. Nisto baséase o Urbex, un estilo fotográfico recente que cada vez conta con máis adeptos.

 

“URBEX” ou “Urban Exploration”

Tal e como o seu nome indica, o Urbex é unha modalidade fotográfica centrada na exploración urbana. “Hai xente que só pensa na fotografía Urbex cando lle ensinas unha imaxe dun lugar abandonado, pero dentro desta modalidade á que eu me dedico hai moitos estilos diferentes, en concreto catro”, aclaraba Carlos Muiños, un apaixonado da fotografía e que dende hai catro anos a ten como unha das súas profesións. Pode verse a súa labor en Instagram e Facebook como ferrolmfh.

Carlos Muiños

Destes catro estilos o máis coñecido céntrase en sitios deshabitados e ás veces recónditos, os cales vense moi castigados polo paso do tempo. Palacios, cines, teatros, hospitais, bloques de vivendas e un largo etcétera conforman os escenarios idóneos para esta forma de fotografar. Outra modalidade non exenta de polémica é o Rooftoping, que saltou á fama hai uns anos polas sucesivas mortes que carrexaba. Trátase de capturar diferentes cidades dende superficies de gran tamaño o máis afastadas posible do chan, conseguindo imaxes espectaculares á par de perigosas.

A terceira forma de Urbex é a procura de imaxes “subterráneas”, xa que o principal obxectivo é fotografar as infraestruturas do subsolo, aproveitando sumidoiros e outros buracos que permitan o acceso a paisaxes que sempre están ahí pero nunca vemos.

Finalmente a variante máis segura é a que se dedica á captura de planos de diferentes construcións arquitectónicas con gran potencia visual, onde o importante atópase en ser capaces de fixarse na beleza estética destas estruturas.

Unha arte moi perigosa

“¿Que é o máis chamativo da fotografía Urbex? Sen dúbida as emocións que esperta en cada un. Cando a alguén lle amoso unha das miñas imaxes créase a súa propia película, tenta imaxinar que sucedeu nese sitio, cales eran os seus habitantes e as súas costumes. Eu cando collo a cámara síntome coma un director de cine”, respondía Carlos mentres amosaba un álbum de fotos cunha historia en cada páxina.

Porén, a fotografía Urbex tamén ten o seu lado negativo, xa que en cada captura agóchase un gran perigo . “Lembro un accidente que tivera un compañeiro meu de Asturias, o cal iba con outros colegas a fotografar unha casa abandonada cando, de súpeto, o chan afundiuse baixo os seus pés, quedando colgado grazas a que se agarrou a tempo e xa os compañeiros o rescataron. Eu por sorte nunca tiven un accidente aínda que si varias advertencias policiais, pero é que pensas que se a foto non a sacas agora non a sacarás nunca”.

Carlos Muiños

 

Para previr calquera accidente ademais de evitar unha maior deterioración destas zonas abandonadas, no mundo Urbex existen catro normas principais: non ser vistos cando se entra nun espazo deshabitado, non romper nada que atopemos no interior, non roubar nada sexa o que sexa e non compartir a dirección destes lugares desertos con persoas que non pertenzan ao noso círculo de total confianza. “Eu sempre cumpro estas catro normas, aínda que teño compañeiros que moitas veces fan o que non se debe e cometen actos ilegais para sacar a mellor foto, chegando incluso a ser como unha especie de competición”.

O Urbex no mundo, en Galicia e no local

A pesar de que esta vertente fotográfica naceu hai uns anos, xa son moitos os que se dedican a explotación deste recurso artístico por todo o mundo. Tal e como nos dicía Carlos, el vese como un afortunado por poder viaxar a lugares como París ou Londres, e outros non tan afastados pero igual de fermosos como Asturias, aínda que se tivera que escoller un lugar co que quedarse ese sería Portugal. “Ao igual que aquí temos as casas indianas, alí teñen uns impresionantes palacios cunha ornamentación incríble, con arcos internos, mobles con gravados ata no máis último detalle, unha maravilla que está ahí a piques de voltarse anacos”.

Pero se hai algo que non soemos ver é aquilo que está máis preto de nós, ou que cremos que no nos soprenderá por estar sempre ahí. “Sen ir moi lonxe podemos visitar o Sanatorio de Cesuras na comarca de Betanzos. Para min é un dos sitios emblema de Galicia sen dúbida, o que pasa é que a xente non o coñece. Necesitamos que a xente coñeza máis estos lugares pero con sentidiño, sen corrompelos e sen expoñerse a tantos perigos innecesarios”.

En canto ao local, en Ferrol hai unha morea de paisaxes ocultas esperando por nós, como son as baterías que rodean toda a Costa Ártabra. Unhas estruturas militares que esperan a ser restauradas pero que mentres mantense cheas de lixo e estullos. “Un sitio que recomendaría sen pensalo moito son os túneles dos proxectores de Cabo Prior. Se chegas alí e baixas por unha pista que te leva ata os cantís atoparás estes pasadizos subterráneos cunhas vistas espectaculares”. aconsellaba Carlos mentres pechaba o álbum que, de seguro, seguerá crecendo con pegadas do pasado.

 

 

Salir de la versión móvil