Un partido igualado e disputado decidiuse nun minuto, de maneira desfavorable aos intereses de O Parrulo Ferrol, tras caer por 6-4 na súa visita ao Aspil Jumpers Ribeira Navarra, na 5º xornada da Primeira División, disputado na noite do martes, no Pavillón Ciudad de Tudela.
Os xogadores de O Parrulo Ferrol querían empezar forte o partido, cunha ocasión de Iago Rodríguez que impactaba nas pernas de Sena, pero tan só uns segundos despois Ique aproveitaba un rexeite ao segundo pau para anotar o 0-1.
Este gol temperán non cambiaba o transcurso do xogo sobre a pista, con Terry buscando o empate cun tiro que se ía alto e Adri deixou dous balóns en bandexa desde a lateral da área ao segundo pau aos que non chegaba ninguén.
Os equipos intercambiábanse as súas chegadas a portería, cunha ocasión de Gabriel que se ía fóra, como outra de Javivi rozando o pau, aínda que Kevin Chis tiña agora nas súas botas o segundo tanto ao contragolpe, pero non lograba concretar para porta. Quen non perdoaban eran os xogadores do Aspil Jumpers Ribeira Navarra, cun gol de Gabriel nunha boa xogada de equipo, establecendo o 1-1.
Pouco lle duraba a alegría aos Tudelanos, porque era sacar de centro os ferroláns e Adri facer o 1-2. Este gol supuxo un xerro de auga fría para o Aspil Jumpers Ribeira Navarra, ante un O Parrulo Ferrol crecido que buscaba ampliar as distancias tendo Morioka unha dobre ocasión que lograba salvar Adrián baixo paus.
Os locais cambiaban de estratexia, sacando ao porteiro Gus á pista e combinando o xogo de catro, co xogo de cinco, tendo Gabriel unha boa ocasión que salvaban entre un xogador ferrolán e o porteiro Víctor Espíndola, mentres que O Parrulo Ferrol estivo a piques de anotar cunha recuperación de Iago Rodríguez, pero Gus adiviñaba xusto a tempo as súas intencións.
Nos minutos finais de período o Aspil Jumpers Ribeira Navarra subía as súas liñas, mandando Pablo Ibarra un balón ao pau que ía á escuadra, mentres que Isma devolvía esta ocasión aproveitando unha perda, pero o balón íase fóra. O traballo dos Tudelanos acababa tendo recompensa, cun gol de Nil desde a frontal da área pegado ao pau, empatando o partido, mentres que nos últimos segundos Dani Martín iniciaba un contragolpe, cedéndolle o balón a Gabriel, pero enviaba o balón ao pau, polo que co 2-2 o partido íase ao descanso.
O segundo período empezaba con O Parrulo Ferrol querendo levar o peso do xogo, aínda que non tiña ocasións claras, pero si que as aproveitaba o Aspil Jumpers Ribeira Navarra, cun gol de Pablo Ibarra de forte disparo, que non lograba deter Víctor Espíndola.
O partido pasaba a ser de ida e volta, tendo Thalles unha boa oportunidade cun tiro potente que lograba evitar Gus cunha boa man, mentres que os tudelanos puideron ampliar distancias cunha dobre ocasión de Uge e Terry, que evitaban entre o pau e Víctor Espíndola.
Os ferroláns tiñan outra boa ocasión cunha xogada ao segundo pau que lograba salvar Sena e o Aspil Jumpers Ribeira Navarra tentábao cun contragolpe de tres para un, sen chegar a concretar no seu disparo. O Parrulo Ferrol estaba a rozar o empate, tendo dúas boas chegadas por parte de Morioka, aínda que o balón seguía sen querer entrar na portería.
O partido chegaba ao minuto 34, fatídico para O Parrulo Ferrol, encaixando dous goles en poucos segundos, primeiro por medio de David e a continuación Javivi facía ao contragolpe o 5-2. Os ferroláns pedían tempo morto e Isma saía á pista como porteiro-xogador, logrando facer Kevin Chis o 5-3 ao segundo pau, tras un bo pase de Adri.
Os ferroláns metíanse novamente no partido, continuando co xogo de cinco, tendo outra boa ocasión Morioka, pero os tudelanos sentenciaban cun gol de David tras recibir un balón longo de Gus, aínda que o último tanto o facía Thalles para O Parrulo Ferrol, a falta de 22 segundos, cun tiro raso na frontal da área, que establecía o definitivo 6-4.
Con este resultado, O Parrulo Ferrol continúa con 2 puntos, no 17º posto da táboa. A próxima xornada disputarase este sábado, onde os ferroláns recibirán a Elpozo Murcia Costa Cálida, a partir das 19:00 horas, no Pavillón da Malata.