A base canaria Laura Fernández comprometeuse co BAXI Ferrol para xogar co equipo ferrolán a próxima tempada. A xogadora, de 31 anos e 1.69 metros, formouse no baloncesto da súa terra conseguindo o título de campioa de España infantil, cadete e junior, ademais de lograr a medalla de ouro con España no Europeo U16 e a de prata no U18.
Laura conta cunha ampla experiencia xa que disputou doce campañas na liga Feminina 2. A base do BAXI Ferrol chega procedente do Patatas Hijolusa de León, co que disputou máis de 32 minutos por partido, promediando 8.9 puntos e 2,5 asistencias por encontro.
A xogadora destaca esta oportunidade brindada polo BAXI Ferrol como unha oportunidade incrible para seguir crecendo, formando parte dun proxecto tan ambicioso e ilusionante coma este. En canto ao que pode ofrecer ao conxunto ferrolán, a base canaria destacou do seu xogo a visión e o ritmo que pode proporcionar sendo vertical e movendo rápido o balón.
Anniina Aijanen, renovada
A pivote finlandesa Anniina Aijanen decidiu quedar nas filas do BAXI Ferrol, ao aceptar a oferta de renovación que lle fixo chegar o club. A xogadora de 24 anos e 1.88 metros realizou unha boa campaña o ano pasado, o que levou a que o adestrador Lino López decidise ofrecerlle a súa continuidade no equipo.
Anniina Aijanen destaca por ser unha xogadora de equipo, cun bo tiro de tres e que xoga de costas ao aro, cunha boa actitude na cancha. A pivote sinalou sobre a súa decisión de seguir no equipo departamental que segue porque quere seguir outra tempada máis axudando ao equipo e intentar ascender á liga Endesa.
Discussion about this post