A Deputación da Coruña vén de publicar no BOP a listaxe das 173 pequenas empresas e autónomos da provincia que serán beneficiarias/os das axudas para a contratación do programa PEL-PEMES 2019/2020 para apoiar a creación de emprego na provincia. Catro delas están ubicadas en As Pontes.
Cun esforzo investidor de algo máis de 2.270.000 euros, esta liña do Plan de emprego local (PEL) permitirá a contratación de 173 persoas durante un ano. A Deputación asumirá ata o 75% do salario.
“Os nosos obxectivos son fomentar a creación de emprego estable e de calidade, especialmente nos concellos máis pequenos e rurais, axudar a fixar poboación e apoiar a inserción laboral das persoas con maiores dificultades para atopar un emprego”, afirmou Valentín González Formoso, presidente da Deputación.
En canto á distribución das axudas, é de subliñar que todas as empresas e autónomos beneficiarios son de concellos de menos de 20.000 habitantes.
Destacan como concellos cun maior número de solicitudes concedidas: Santa Comba (13), Curtis (10), Mazaricos (9), Boiro (7), Zas (7), Cee (6), Melide (6), Ordes (6), Bergondo (4), Betanzos (4), Camariñas (4), Corcubión (4), Laxe (4), Oroso (4) e As Pontes (4).