O Concello de Ferrol e o Instituto Nacional da Seguridade Social van abrir nos próximos días unha vía de colaboración para que o propio INSS poida solicitar directamente certificados de convivencia e empadroamento cando os cidadáns así o autoricen. Trátase de documentos necesarios para realizar trámites coma a solicitude do Ingreso Mínimo Vital, polo que durante as últimas semanas a súa elevada demanda está a saturar os servizos de moitas administracións locais.
Precisamente para evitar desprazamentos, reducir a afluencia de persoas nas oficinas municipais e tamén o tempo de tramitación e resolución das axudas solicitadas vai a poñerse en marcha en Ferrol este procedemento co obxectivo de que “os cidadáns sexan os primeiros beneficiarios”, tal e como explicou a concelleira de Economía, Facenda e Promoción Económica María Teresa Deus. Na práctica, o INSS solicitará ao Concello os certificados a través do correo electrónico e nun prazo de cinco días a Administración local remitirá os documentos ao instituto, unha colaboración que aforrará tempo ás persoas que soliciten a axuda.