O Concello de Pontedeume aprobou nun pleno extraordinario celebrado en outubro o regulamento do mercado municipal e a ordenanza fiscal correspondente, ademais de dar conta do borrador das bases de adxudicación dos postos.
Todo este proceso administrativo iniciouse hai máis de dous anos. “Fixemos un estudo de mercado e dos custos doutros mercados rehabilitados noutros concellos nos últimos anos, queremos contar con garantías de acadar a ocupación da totalidade dos postos”, asegurou a concelleira Ángela Piñeiro na sesión plenaria.
“O proceso viuse ademais ralentizado pola paralización das obras e porque non sabíamos se os traballos na rúa San Miguel afectarían ao numero de postos; tamén chegou a sentenza do TSXG que declaraba nulo o traslado dos placeros”, lembra o alcalde, Bernardo Fernández Piñeiro, que incide en que “queríamos un proceso de redacción do regulamento moi garantista”.
O Concello de Pontedeume aposta por un Mercado Municipal acorde aos novos tempos, no que se conxugue a importancia do patrimonio histórico e arquitectónico do edificio do arquitecto Antonio Tenreiro (1941) coa promoción e difusión dos produtos de proximidade.
O concello asenta co proceso de concesión dos postos as bases dun mercado que destaque pola calidade dos seus produtos, pola profesionalización dos praceiros e polos servizos ofertados, que convirtan as novas instalacións nun referente en Galicia.
Relacionado: Aberto o prazo para optar aos postos do mercado eumés
Discussion about this post