Máis de 1,5 millóns de remanente no 2018

Conta Xeral de As Pontes

Fachada del Concello de As Pontes

O pleno do Concello das Pontes aprobou o mes pasado, por unanimidade, a conta xeral do ano 2018. A concelleira de Facenda, Maite Méndez, durante a parte expositiva do pleno, explicou que o concello, como xestor de fondo públicos, ten a obriga de informar sobre a súa conta xeral cada ano.

Esta conta inclúe o balance de gastos, ingresos, beneficios e perdas do municipio durante ese período de tempo, informa sobre a situación patrimonial do concello e sobre o modo no que executou o orzamento da entidade local, “ofrecendo datos sobre canto e en que se investiron os fondos públicos” subliñou a edil.

Así, a conta xeral recolle na súa memoria un balance positivo. Durante este período o volume de ingreso foi superior ao de gastos, pechándose o ano cun remanente de máis de 1,5 millóns de euros.

Asemade, a conta do resultado económico patrimonial, aumentou en catro millóns con respecto ao ano anterior, superando os 74 millóns de euros.

En palabras da concelleira, “toda a información reflectida na memoria da conta xeral, amosa que o Concello das Pontes cumpre co principio de estabilidade orzamentaria e coa regra de gastos”.

Pola súa banda, Antonio Alonso fixo fincapé en que “a situación económica do concello é óptima, con débeda cero desde o ano 2007, cun superávit anual dunha media de 6 millóns e cun saldo dispoñible actual de preto de 7 millóns”.

Salir de la versión móvil