O Concello de As Pontes iniciou hai uns días as obras de mellora e modernización dos servizos básicos municipais na Avenida da Habana, no tramo comprendido entre a Praza do Hospital e a Rúa Monfero.
O proxecto, financiado a través do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña do ano 2019, cun orzamento de 170.818 euros, contribuirá a humanizar a zona, mellorándoa estrutural e estéticamente para crear un maior estado de benestar á veciñanza.
As obras comezaron na marxe impar e, durante todo o tempo de execución das mesmas nesta beira do viario, o tráfico procedente da zona do Poboado da Fraga desviarase a través da Rúa Pontedeume cara a Rúa Vilalba. Os traballos, adxudicados a Canosa Construcciones S.L., permitirán a execución dunha nova rede de recollida de augas pluviais separativa nas dúas marxes da rúa.
Esta rede, que irá dotada dos correspondentes sumidoiros, con arquetas de recollida de acometidas das vivendas, ten como obxectivo prioritario o control do aporte de augas limpas ao sistema de depuración municipal nas épocas do ano de máis choivas, como a actual, evitando posibles inundacións.
A actuación tamén contempla a substitución das actuais luminarias por novos puntos con tecnoloxía LED, encamiñados a mellorar a eficiencia enerxética no municipio. A nova iluminación pública instalarase sobre báculos dobres, cun punto de luz sobre a estrada e outro de paso para a beirarrúa.
Así mesmo procederase á renovación das beirarrúas, seguindo o mesmo deseño da zona, homoxeneizando a estética de todas as rúas do concello e apostando pola eliminación das barreiras arquitectónicas.
Calidade lumínica e aforro enerxético
A través destas obras, así como de todas as levadas a cabo durante os últimos anos, o Concello de As Pontes quere dar un salto cualitativo no sistema de iluminación do municipio para lograr ter unha maior calidade lumínica, ademais dun maior aforro enerxético.
Discussion about this post