Navantia Australia asinou un acordo estratéxico coa Commonwealth de Australia, polo cal se asegura que todos os buques actuais e futuros, deseñados por Navantia e en servizo na Mariña Australiana, están correctamente mantidos durante toda a súa vida operativa.
O acordo foi asinado en Sídney, a bordo do destrutor HMAS Hobart, polo Vicealmirante Michael Noonan, xefe da Mariña Australia, e o presidente de Navantia Australia, Warren King. Susana de Sarriá Sopeña, presidenta de Navantia, e o secretario adxunto de Construción Naval, Tony Dalton, son tamén asinantes do acordo, de forma non presencial.
Warren King, presidente de Navantia Australia, comentou que “este acordo significa que o mantemento e as modernizacións dos destrutores da clase Hobart, os LHDs e as lanchas de desembarco, así como os novos buques de apoio loxísticos serán xestionados por Navantia Australia. Abre un importante futuro no desenvolvemento das operacións actuais e novas solucións apoiadas en tecnoloxías dixitais.”
A presidenta de Navantia declarou que “este acordo representa un importante fito na longa relación de confianza que Navantia mantén con Australia desde principios dos anos 2000. Este acordo recoñece a importancia de Navantia Australia no panorama de industrias críticas para a defensa e é tamén unha proba da aposta pola internacionalización da empresa, na que Australia figura como un dos mercados estratéxicos para a compañía.”