O Concello de Pontedeume aproba un orzamento de case sete millóns de euros para 2020

Increméntase case un 15% a partida destinada a gasto social sen subir ningún imposto

O Concello de Pontedeume aprobou en pleno extraordinario un orzamento municipal de 6.988.485,51 euros para o ano 2020, sen subir ningún imposto aos veciños e veciñas.

“Fixemos uns orzamentos axustados á realidade, seguindo na súa elaboración un criterio de prudencia coa finalidade de manter unha economía municipal saneada, todo elo sen subir os impostos”, manifestou na sesión plenaria o concelleiro de Facenda de Pontedeume, Daniel Ríos.

O concello eumés aumenta un 15% o gasto social con respecto aos orzamentos do 2019. Entre outras partidas e investimentos, destaca que as horas para atención a dependentes pasarán de 37.000 a 43.000 horas, poñéndose en marcha ademais novos servizos como a asistencia xurídica para as vítimas de violencia de xénero.

“Uns orzamentos sociais no que se concreta parte do programa de actuación deste goberno, tamén aportacións feitas polo resto de grupos e, como non, tamén as aportacións das entidades que forman o tecido cultural e deportivo desta vila”, explicou o alcalde, Bernardo Fernández.

Haberá tamén un incremento de case un 13% en cultura, principalmente debido ás actividades previstas con motivo da celebración do 750 aniversario de Pontedeume.

No capítulo de investimentos, as contas inclúen obras de mellora nas instalacións deportivas, como unhas portas antivandálicas no pavillón e traballos de lastrado no campo de fútbol, entre outras, e numerosas actuacións de mantenemento das infraestruturas e servizos básicos.

“Reiteramos que se trata duns orzamentos realistas, pensados por e para a xente, que recollen na medida do posible as demandas das distintas entidades do noso tecido asociativo, mantendo e nalgún caso incrementado os servizos prestados aos veciños e veciñas, e todo isto sen subir ningún imposto ou taxa municipal”, rematou o concelleiro de Facenda.

Salir de la versión móvil