Cristóbal Ramírez: “O Camiño ten que saber frenar a tempo e non morrer de éxito”

O cronista oficial do Camiño Inglés vén de publicar da man da UDC “O Camiño Inglés. Unha ruta xacobea medieval no século XXI”

O cronista oficial do Camiño Inglés, Cristóbal Ramírez

Cristóbal Ramírez (Ferrol, 1952) é un dos grandes estudosos do Camiño de Santiago: durante máis de vinte anos foi presidente da Asociación de Xornalistas do Camiño de Santiago e na actualidade é cronista oficial do Camiño Inglés.

Recentemente vén de publicar “O Camiño Inglés. Unha ruta xacobea medieval no século XXI”, unha obra editada pola Universidade da Coruña (UDC) que inaugura a nova colección “Camiños do mar” e na que, ademais de recompilar practicamente todo canto se sabe desta ruta e da súa orixe, afonda na súa historia e o seu patrimonio a través da investigación en arquivos ou mesmo en Inglaterra.

“Sempre vai haber datos novos, así que agardo que o libro quede desfasado o antes posible: queda moito por investigar e moitos interrogantes sobre os que seguir traballando, por iso temos que protexer o Camiño”, explica Ramírez, quen destaca que esta labor de recuperación comezou hai décadas e continuará no futuro.
En concreto, o cronista reivindica a figura de Felipe Cordero Carrete, un mestre represaliado polo franquismo que foi pioneiro na investigación sobre o Camiño Inglés, recuperando nomes de barcos e peregrinos que percorreron a ruta. Ramírez e moitos outros seguiron ese camiño.

“Levo moitos anos adicado ó Camiño de Santiago, nos últimos especialmente ó Portugués e ó Inglés, á beira do que nacín e do que vivo”, continúa.

O Camiño Inglés

O Camiño Inglés comeza na Abadía de Finchale, en Durham, no nordeste de Inglaterra. A día de hoxe existe documentación de 72 portos dende os que os peregrinos ingleses zarpaban en dirección a Ferrol ou a A Coruña, dende onde continuaban a ruta ata a tumba do apóstolo.

Dende 2014 a Deputación da Coruña, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Xunta de Galicia colaboran na recuperación da ruta na propia Inglaterra: dende Finchale hai un tramo similar ó que existe entre Ferrol e Santiago, mentres que no sur tamén se trazou a ruta entre Reading e Southampton. Unha vez recuperada a ruta por terra que percorreron os peregrinos dende o século XII, a seguinte fase é recuperar a tradición de viaxar dende Gran Bretaña a Galicia en barco, un medio que agora ten que competir co avión.

A difusión do Camiño Inglés en orixe atopouse con diferenes problemáticas, como a propia lexislación: non está permitido pintar en árbores ou dentro de cidades, o que impide situar as tradicionais frechas amarelas que sinalan o Camiño de Santiago. Ademais, aínda que a ruta comezou nunha Inglaterra católica, a día de hoxe a relixión dominante é o anglicanismo.

“Ó principio había xente que pensaba que aínda non remataran as guerras de relixión: chegaron a non deixar entrar ós peregrinos na Catedral de Durham, pero agora a relación é excelente, coa excepción dalgún párroco que non quere saber nada”, apunta Ramírez

Agora o Camiño Inglés é o terceiro máis transitado: no que vai de ano máis de 12.000 peregrinos chegaron a Santiago partindo dende A Coruña e, sobre todo, dende Ferrol, punto de partida do 90% deles.

O Camiño e a historia

O cronista oficial do Camiño Inglés é un firme defensor de que o Camiño de Santiago ten que ir sempre ligado a un trasfondo histórico, cunha investigación que respalde tanto o trazado como o propio fenómeno xacobeo para así protexelo.

“Se non tivera historia o Camiño de Santiago sería unha ruta máis, nalgunhas partes incluso fea: se queres facer senderismo hai sitios mellores, podes ir a Gales e percorrer 1.300 kilómetros de costa, se fas o Camiño vas ter tramos de asfalto como os doce quilómetros de Paderne a Betanzos ou os catro na entrada de Oroso”, continúa Ramírez.

Así, se a xente se segue a decantar polo Camiño de Santiago fronte a outras opcións “é porque observan que aquí hai unha historia e queren percorrer os mesmos camiños polos que pasaron os seus antergos”.

Ese valor que aporta a historia estaría en risco pola proliferación de rutas “sen ningunha base nin tradición”: a día de hoxe “hai trinta falsos Camiños reclamando a súa oficialización”, o que Ramírez considera “un tiro no pé”, xa que “é imposible vender fóra tantas rutas” e chegaría un punto no que “con tantas mouteiras os peregrinos rematarían desorientados”.

O cronista insiste en que todo Camiño ten que estar sustentado por un camiño físico, por testemuñas da súa veracidade, por literatura de viaxes ou por algunha referencia. Sen iso, calquera ruta estaría “sacada da chistera”. “Unha vez unha señora díxome ‘eu teño tanto dereito coma vostede a ter un Camiño’, pero non é así: ten dereito á sanidade, a ter un colexio ou un transporte escolar, pero non a un Camiño”, sentencia Ramírez, quen chama a “non gastar enerxías en cousas deste estilo”, senón en “promocionar o que temos, investigar máis e evitar barbaridades”.

O futuro do Camiño

Aínda que centrado en recuperar ese pasado histórico do Camiño de Santiago, ó xornalista ferrolán tamén lle preocupa a súa continuidade no tempo.

“Cando empezamos no 1993 o Camiño era algo totalmente descoñecido e moitos dixeron que aquilo do Xacobeo era montar unha festa dun día, algo que a estas alturas a ninguén se lle ocorre dicir: hai concellos como Triacastela que directamente viven do Camiño e a ruta está a experimentar unha evolución xeométrica”, relata Ramírez. Porén, chegados a este punto “hai que plantexarse que facer co Camiño e coa propia cidade de Santiago”, algo evidenciado “polos problemas que houbo este ano, centrados especialmente na Peregrinación Europea de Jóvenes”, celebrada o pasado mes de agosto.

“Hai que ver que se quere facer, se encher a cidade de xente de fóra, como en Venecia, ou limitala, cunha taxa ou como sexa”, engade. Ó igual que a capital galega, os Camiños “teñen unha capacidade de carga”: no caso do Inglés, o que máis medra porcentualmente cada ano, ronda os 20.000 peregrinos anuais, polo que, “se chegan 40.000 non hai onde comer, onde durmir ou onde facer as necesidades”.

“Hai que saber frenar a tempo, non ser egoístas e dicir ‘de aquí non podemos pasar’ para non morrer de éxito: xa houbo un aviso no Ano Santo 2010, cando houbo un gran baixón sobre todo de estranxeiros, aínda que a partir de 2011 si se foi recuperando”, lembra Ramírez, quen incide en que, mentres os visitantes atopen servizos axeitados, “o futuro é optimista”, aínda que aínda que en moitos sitios “aínda hai moito que traballar”.

Na liña da proliferación dos Camiños sen base histórica, da masificación ou da falta de capacidade tamén existe outra preocupación: a da perda do espírito. Aí é onde Ramírez enmarca as declaracións do presidente da Federación de Empresarios de la Comarca de Arousa (FECA), José Luis Vilanova García, quen abogou por pechar os albergues públicos.

“É unha idea peregrina que parte dun plantexamento economicista: non entende que un dos piares do Camiño de Santiago é a hospitalidade e, se cambiamos este modelo por un totalmente privado e copiado doutros sitios, estamos a quitar unha das patas da mesa que fan que o Camiño teña a esencia que ten”, sentencia Ramírez, quen entende que a oferta privada é necesaria para darlle servizo ós peregrinos, pero “indudablemente” non se poden pechar os albergues públicos.

“Con todo o respecto, o que se busca con esa proposta é rapiñar o Camiño, pero iso non é máis que pan para hoxe e fama para mañá, estarían a quitarlle a esencia”, conclúe o cronista oficial do Camiño Inglés, unha desas persoas que cada día loitan por manter esa identidade que cada ano leva a centos de miles a peregrinar ata Santiago de Compostela.

Salir de la versión móvil