A actuación teatral “Bicos con Lingua” chegará a Pontedeume este sábado 26

Esta representación terá lugar na asociación de veciños de Andrade ás 19.00 horas, e amosa un forte sentimento de amor cara algo tan propio como é a lingua galega

O Concello de Pontedeume achegará este sábado 26 de setembro á parroquia de Andrade a representación teatral “Bicos con Lingua”, da compañía Talía Teatro.

A actuación terá lugar na asociación de veciños de Andrade a partir das 19.00 horas. Dito evento seguirá o protocolo sanitario imposto pola Covid-19, polo que haberá que respectar un aforo limitado e onde a máscara e a distancia de seguridade son de carácter obrigatorio.

O galego como principal protagonista

“Bicos con lingua” é un espectáculo en clave de comedia no que a través de diversas situacións cotiás convida a unha fonda reflexión sobre os usos e abusos da lingua galega. A propia compañía explica que a obra “nace dun forte sentimento de amor cara algo tan propio como é a nosa lingua: a lingua galega. Non se trata en ningún momento dun exercicio de victimismo, nada máis lonxe da nosa intención, senón de afondar nun problema real e, certamente, preocupante”.

Dende a propia compañía informan de que a representación teatral está dirixida para todos os públicos, pero cun especial interese para adolescentes a partir de 12 anos.

Salir de la versión móvil