A Concellería de Medio Ambiente de Cabanas levará a cabo actuacións na parroquia de Soaserra destinadas á recuperación e mantemento de camiños e elementos arquitectónicos tradicionais. As actuacións servirán para restaurar a fonte de Cerdeiras e recuperar o seu caudal, así como tamén para levar a cabo labores de limpeza e acondicionamento no entorno do lavadoiro e fonte de Soaserra, incluíndo a recuperación dunha ponte. Por último, contémplase a recuperación dunha parcela en Xabariz, na que se creará un espazo verde con árbores e bancos para o lecer.
«Os traballos que se executarán en Soaserra supoñen a recuperación de elementos patrimoniais como as fontes, e tamén a creación dun espazo de lecer para a veciñanza desta parroquia», sinalou o tenente alcalde e responsable da área de medio ambiente, Iago Varela.
As actuacións previstas supoñen un investimento de 15.766,91 euros e están vencelladas ás axudas a investimentos non produtivos para a realización de obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito dos Parques Naturais de Galiza.