CORTE DE TRÁFICO NA AVENIDA DO PEIRAO POLAS OBRAS DE SANEAMENTO NA FACHADA MARÍTIMA DE PONTEDEUME
Debido ás obras que está executando o Concello de Pontedeume para renovar a rede xeral de saneamento na fachada marítima, haberá un corte de tráfico na avenida do Peirao e que durará ata o vindeiro luns 3 de agosto. Polo tanto, os vehículos que entren pola avenida do Peirao teñen que desviarse pola rúa Gumersindo Placer, bordeando o antigo xulgado -hoxe edifício dos Servizos Sociais-.
Para facilitar o tránsito suprimiranse na rúa Galera as prazas de aparcadoiro para que poida ser de dobre sentido, facilitando deste modo o aceso á zona final do peirao. Debido á diminución de aparcadoiro, o concello pintará a zona que hai detrás dos «Almacenes Rajoy» para optimizar espazos e habilitará unha nova zona de estacionamento na Avenida Ricardo Sánchez, na finca que se atopa baixo o coñecido como «edificio Tenreiro».
As obras, as cales contan cun prazo xeral de execución de 15 meses -dos que restan uns 7 para o seu remate- servirán para renovar a rede de saneamento e a separativa de augas pluviais desde o paseo marítimo de Pontedeume, á altura da praza do Maestro Álvaro Vázquez Penedo, ata Sopazos, á altura do club Firrete.
O orzamento ascende a 4,2 millóns de euros e a actuación terá unha gran beneficio sobre a actividade de marisqueo e por suposto desde un punto de vista medioambiental, xa que eliminará os verquidos de augas fecais no estuario do Eume e en toda a fachada marítima.