25N – O Eume contra a violencia de xénero

Os concellos demostraron a súa solidariedade coas vítimas cunha morea de iniciativas

Apoio na Praza Real de Pontedeume ás vítimas da violencia de xénero.

O 25 de novembro celebrouse o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Unha xornada na que os concellos demostraron o seu compromiso na loita contra esta lacra, que cada ano provoca a morte de ducias de mulleres a mans das súas parellas ou ex-parellas.

Os cinco consistorios puxeron en marcha distintas iniciativas para concienciar sobre esta problemática, como obradoiros e faladoiros que deron voz ás mulleres e visibilizaron a desigualdade existente. E non só o 25 de novembro, senón tamén durante os días previos e posteriores, simbolizando que esta non é unha loita só dun día, senón tamén dos outros 364 restantes.

Ademais, varios concellos da comarca do Eume sumáronse á campaña “En negro contra as violencias”, unha acción social colectiva que busca implicar ó tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, e que cada ano “tingue” de negro as fachadas e escaparates dos establecementos e organismos colaboradores.

O obxectivo? Rememorar ás mulleres que perderon a vida, mostrar apoio ás vítimas que sofren ou sufriron esta lacra, e concienciar á sociedade da dimensión deste problema.

 

As Pontes: A estrea da curtometraxe “Nunca máis”, gañadora do Concurso de Guións contra a Violencia de Xénero da Deputación, foi o acto máis sinalado.


Cabanas: O pintado do “banco contra as violencias machistas” e a organización dunha gran batucada feminista na rúa centraron as actividades polo día 25 de novembro.


Monfero: Unha “Andaina en negro contra as violencias” foi, outro ano máis, o acto central para concienciar sobre o problema da violencia de xénero.


Pontedeume: Centos de veciños e veciñas transmitiron o seu compromiso con esta loita cunha gran concentración na Praza Real do Concello. Asistiu o alumnado de Secundaria.


A Capela: O concello apoiou a campaña do 25 de novembro con diferentes actos.

 

Batucada feminista en Cabanas.

 

Relacionado: As Pontes presenta a curta “Nunca Mais”

Salir de la versión móvil