A Capela contará co seu propio centro de recepción de visitantes das Fragas

A Xunta e o Concello asinaron un acordo de colaboración para albergar este novo portal ao parque natural

A Xunta abrirá un novo centro de recepción de visitantes no Parque Natural das Fragas do Eume gracias ao novo acordo firmado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello da Capela. Grazas á colaboración cédese o uso dunhas instalacións municipais para albergar o terceiro portal das Fragas do Eume no lugar da Estoxa.

 O espazo tamén albergará actividades de educación ambiental e atención ao público relacionadas co Parque Natural, de maneira que se poña en valor a riqueza do Parque Natural das Fragas do Eume e deste termo municipal. O edificio localízase nunha leira de 800 metros cadrados e consta de 100 metros cadrados, repartidos en varias estancias. Tamén dispón doutros servizos, como aseos públicos e unha zona de aparcamento, con capacidade para 30 vehículos. Este novo portal vén complementar o labor informativo e divulgativo dos outros dous puntos que existen no Parque natural, como son o Centro de Recepción de Visitantes do Portal do Eume (ou de Caaveiro) en Pontedeume e o Centro de Recepción de Visitantes do Portal de Monfero, localizado fronte ao mosteiro.

 Este  novo centro estará aberto de martes a domingo e contará con monitores e técnicos para a atención dos visitantes. A conselleira considerou que a apertura deste novo portal na Capela é unha iniciativa cun dobre obxectivo: informar e divulgar os valores naturais das Fragas do Eume; á vez que se dá uso e función aos inmobles que existen nos concellos, evitando a súa deterioración pola falta de uso ou funcións.

Relacionado: A Deputación destina 70.000 euros para financiar o servizo de atención a visitantes e a programación cultural de Caaveiro
Salir de la versión móvil