A Deputación destina 70.000 euros para financiar o servizo de atención a visitantes e a programación cultural de Caaveiro

Valentín González Formoso e Manuel Meizoso asinaron o convenio no Concello da Capela

A Deputación da Coruña e o Concello da Capela colaborarán, un ano maís, no mantemento do servizo de atención a visitantes e a programación cultural vinculada ao mosteiro de Caaveiro.

O presidente Valentín González Formoso, e o alcalde, Manuel Meizoso, asinaron no Concello da Capela o convenio polo que o Concello seguirá ocupándose do servizo de atención de visitantes, divulgación e organización de diversas actividades culturais durante 2020 neste cenobio do século X ubicado no corazón das Fragas do Eume.

A Deputación abonará ao Concello da Capela 70.000 euros polos servizos prestados en Caaveiro durante todo o ano, dos que 28.000 euros se destinan á contratación de persoal de atención aos visitantes e os restantes 42.000 euros para a programación cultural anual, que contará con actividades coma o Trail Mosteiro de Caaveiro, o concurso anual de fotografías ou eventos especiais que contribúen a incrementar a afluencia de visitantes durante a época estival e que gozan dunha gran acollida entre o público coma os “Encontros coa Historia” ou “Noite no Mosteiro”.

O ano pasado 60.572 persoas visitaron o mosteiro de Caaveiro, o que supón un incremento de 4.346 visitantes con respecto a 2018. Xullo e agosto, con 10.961 e 17.463 visitas rexistradas, respectivamente, foron os meses con maior afluencia de público.

O convenio recolle o calendario de atención a visitantes previsto para o presente ano:

SEMANA SANTA: entre venres anterior e o luns posterior á Semana Santa

Días: Todos os días da semana, incluidos domingos e festivos.

Horario: de 11:00 a 19:00 horas

TEMPADA DE PRIMAVEIRA: entre o martes posterior á Semana Santa e o 30 de xuño , ambos inclusive.

Días: venres, sábados, domingos e festivos.

Horario: de 11:00 a 18:00 horas

TEMPADA DE VERÁN: entre o 1 de Xullo e o 15 de setembro, ambos inclusive.

Días: tódolos días da semana, incluso domingos e festivos.

Horario: de 10:30 a 14:00 horas, e de 16:00 a 20:00 horas

TEMPADA OUTONO-INVERNO: entre o 16 de setembro e a Semana Santa.

Días: venres, sábados, domingos e festivos.

Horario: de 11:00 a 19:00 horas

 

Salir de la versión móvil