Os concellos do rural galego están fartos da xestión da sanidade pública, e en concreto da área de pediatría, que está a levar a cabo o goberno galego.
Levan meses protestando pola supresión do servizo itinerante de pediatría e pola falta de substitución dos profesionais nas baixas, reclamando que, dunha vez por todas, se de cobertura a tódalas prazas e se deixe de xogar coa saúde das persoas, en este caso dos nenos. Por este motivo colectivos de pais e nais de oito concellos da zona de Ferrolterra, entre eles o da Capela, decidiron sumar as súas voces para participar nunha campaña viral de protesta que ten como protagonistas ós afectados máis directos: os nenos e nenas.
A compañía Feitizo Video montou -de forma desinteresada- unha chamativa peza audiovisual en branco e negro na que os pequenos reclaman un servizo de pediatría de calidade, con frases como “queremos pediatra tódolos días” ou “quero coñecer ó meu pediatra”.
Reclaman non só que se poña solución á falta de facultativos, senón tamén postos fixos para non atoparse cunha cara nova cada vez que cruzan as portas do centro de saúde.
Esta iniciativa, pese a non ter aínda resposta por parte da Xunta, logrou xa o primeiro obxectivo: ser viral nas redes.