O Concurso de Fotografía Concello da Capela volve para a súa VII edición con máis de mil euros en premios para as mellores imaxes tomadas coa temática “A Capela, turismo natural”, buscando pór en valor o seu atractivo turístico e promover as visitas.
O certame está aberto a fotógrafos profesionais e afeccionados, que poden enviar as súas imaxes á súa páxina web dende o 15 de xullo e ata o 15 de agosto. Despois, o xurado terá un mes para valorar as imaxes, certificando que cumpren con tódolos requisitos técnicos.
Establécense un total de tres premios, cun importe de 500, 300 e 200 euros, que se decidirán despois de que o xurado —composto por dous fotógrafos profesionais, un representante do Concello e outro da empresa organizadora— faga unha preselección das dez mellores e as puntúe do un ó dez.
Máis aló de ter que amosar os atractivos turísticos da Capela, as fotografías non poden ter marcos, bordos, marcas de auga, firmas nin pés de foto, aínda que si están permitidas pequenas modificacións como a conversión da imaxe a branco e negro, correccións globais de ton, equilibrio de branco, contraste, luminosidade, saturación de cor ou axuste de sombras e luces.
Discussion about this post