Unha comarca unida, un voceiro para o Eume

Cinco concellos con moitas máis cousas en común que o río Eume, unha comarca cun amplo e variado potencial desde o punto de visto económico, histórico, industrial, turístico ou paisaxístico. Un territorio xeográfico con fortalezas que debe ser quen de afrontar os retos de envergadura e os problemas que ten por diante.

As Pontes, Cabanas, A Capela, Monfero e Pontedeume forman a comarca do Eume, máis de 25.000 persoas unidas desde hai meses por un obxectivo común: poñer en valor a súa industria, esixir unha transición enerxética xusta e defender os postos de traballo no sector. É unha tarefa ardua e na que non é sinxelo ver resultados a curto prazo, pero cada unha das mobilizacións, concentracións e reunións das últimas semanas foron fundamentais pola masiva asistencia a cada unha delas.

Pero máis aló desta encrucillada, a comarca é moito máis e ten moito máis, sairá adiante se mantén a unidade destes últimos tempos e loita polo futuro das próximas xeracións.

 

ENFOQUES DO EUME nace coa intención de contar cada mes o que pasa aquí, dándolle voz aos protagonistas da actualidade, pero este xornal quere ser tamén voceiro da comarca, unha ferramenta máis ao servizo dos veciños e veciñas dos cinco concellos, das súas empresas, dos seus comercios, dos seus clubes deportivos ou das moitas persoas e colectivos que traballan pola cultura, a promoción turística ou o texido asociativo.

 

Nestes tempos de globalización, o xornalismo non pode esquecer o local, o próximo, os temas que preocupan á veciñanza. ENFOQUES DO EUME porá o seu foco nas vosas rúas e barrios, nas vosas parroquias, nas empresas nas que traballan os veciños e veciñas dos cinco concellos da comarca.

Este xornal quere ser o altofalante das vosas demandas, o voceiro que transmita as vosas necesidades. Para elo, estaremos todos os meses na rúa cunha edición impresa e cada día nos vosos móbiles ou ordenadores cunha edición dixital (www.enfoques.gal) e unha activa presenza nas redes sociais.

Imos falar do que pasa aquí, no Eume, no que está preto de vos. Queremos ser unha fiestra desde a que poidades observar, falar e opinar. Esta comarca ten futuro, un futuro que ENFOQUES DO EUME desexa contar.

Moizas grazas pola vosa acollida.

Salir de la versión móvil