A actividade electoral non cesa este 12 de xullo nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal a pesar do temor provocado pola Covid-19 e as estritas medidas sanitarias e de hixiene para evitar contaxios. Respecto aos datos de 2016, nestas zonas galegas -segundo os datos recollidos ás 12.00 horas- os votantes que acudiron ás urnas aumentaron ata case o 3%.
Prestando atención a todo o territorio galego, a diferenza entre estas atípicas eleccións coas do 2016 sitúase nun ascenso electoral de máis dun 4,4% -cifras dos votos recollidos antes das 12.00 horas-, pasando de 338.632 a 433.899 galegos. E tras a última actualización feita, aínda quedan un 47% de galegos que no exerceron o seu voto antes das 17.00 horas.
Exactamente en Ferrolterra a actividade electoral incrementouse un 2,8% nas 214 mesas escollidas para exercer o noso dereito a voto. En total un 17,4% dos cidadáns da comarca achegáronse aos colexios electorais antes das 12.00 h, e tras a actualización feita ás 17.00 h xa son máis de 36.000 persoas as que decidiron as súas preferencias políticas, faltando un 48% por votar. En comparación co 2016, incrementouse a presenza cidadá un 1,3%:
No Eume houbo un ascenso do 2,5% nos 37 recintos abertos para decidir o futuro goberno autonómico. Antes do mediodía un 18% dos cidadáns reclamaron o seu dereito a voto, chegando ao 42,4% tras a actualización das 17.00 horas. A pesares de que máis de 7.000 persoas votaron a 3 horas do peche dos comicios galegos, na comarca eumesa reduciuse a presenza electoral cun 0,3% menos de participación, sendo a única das 3 comarcas nas que disminuiron as votacións.
Por último na comarca de Ortegal un total de 1900 persoas achegáronse aos 24 colexios electorais antes do mediodía, asumindo un ascenso do 2,6% con respecto ás anteriores votacións do 2016. Tendo en conta a actualización das 17.00 horas, o número de participantes aumentou dun 18,1% pola mañá a un 42,3%, aumentando a cifra total a máis de 4.000 votos, un 0,7% máis que en comparación co 2016.
Os primeiros políticos en votar
Debido as novas medidas de seguridade para previr calquera posible rebrote de contaxios consecuencia da Covid-19, moitas das mesas electorais sufriron longas colas para exercer o dereito ao voto.
Sabedores diso moitos foron madrugadores para evitar atrasos nos comicios. O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, cubriu a súa papeleta na mesa electoral ubicada no colexio Tirso de Molina, tendo como compañeiro ao número 7 na lista do partido socialista en A Coruña, Manuel Santiago. O número 5 dos socialistas, Bruno Díaz, fixo o mesmo na Casa da Mocidade do concello naronés.
No compentente ao BNG, o número 5 da lista do partido galeguista, Ramón Fernández, votou no Ateneo Ferrolán. Aproveitou a ocasión para asegurar que dende o partido ven estas presentes eleccións como unha gran oportunidade para apoiar un cambio de políticas no conxunto de Galicia.
Pola súa banda, José Manuel Rey Varela depositou o seu voto nas urnas da sede de CC.OO. da localidade ferrolana, afirmando que a xente está a ser responsable á hora de achegarse aos respectivos colexios electorais.
Finalmente, a número 4 pola lista de Galicia en Común, Saínza Ruíz, exerceu o seu dereito a voto no IES Catabois, instando a todos os ferrolanos a saír das casas respetando as medidas de seguridade pero sobre todo con ilusión.