A Xunta declara a situación de emerxencia no río Eume

Para seguir a evolución da situación crearase unha comisión con técnicos de Calidade das Augas da Xunta, a empresa responsable da xestión do encoro, o Concello e a concesionaria do sistema de abastecemento municipal

A Xunta, a través de Augas de Galicia, realizou hoxe a declaración de emerxencia coa fin abordar a situación de turbidez na que se atopa o río Eume e a as súas consecuencias no abastecemento de auga no concello de Pontedeume.

Por unha banda, a través desta emerxencia adoptaranse as medidas necesarias para reducir os niveis de turbidez do río Eume. Por outra, a declaración de emerxencia permitirá acometer as actuacións de emerxencia necesarias na estación de tratamento de auga potable para conseguir, á maior brevidade posible, que a auga volva ser apta para o seu consumo e se poida restablecer o servizo de abastecemento á poboación.

Ademais, para seguir a evolución da situación, crearase unha comisión na que estarán representados os técnicos de Calidade das Augas da Administración autonómica, a empresa responsable da xestión do encoro, o Concello de Pontedeume e a concesionaria do sistema de abastecemento municipal.

Hoxe mesmo, percorreron o río Eume especialistas en emerxencias ambientais acompañados de técnicos de Calidade das Augas da Xunta co obxectivo de analizar en detalle a situación a valorar as medidas que se poden adoptar para mellorala.

A Xunta informou das novas medidas adoptadas ao Concello de Pontedeume, con quen vén colaborando e traballando, xunto coa concesionaria do servizo municipal, para acadar a recuperación dos parámetros que permitan a reposición do abastecemento da auga á poboación.

No día de onte, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade desprazouse ata Pontedeume para supervisar, in situ, os traballos que se estaban a realizar na zona de captación de abastecemento de auga. Ethel Vázquez explicou que, desde un primeiro momento a Xunta deu instrucións á empresa explotadora para que adoptase as medidas pertinentes para acabar o antes posible coa situación de turbidez xerada e adiantou que a Xunta abriu unha investigación co obxectivo de esclarecer as causas da turbidez do río e adoptar as medidas que correspondan.

Salir de la versión móvil